O Dépor mídese mañá sábado 25 de xaneiro ao Levante UD a partir das 18:30 en ABANCA-RIAZOR (LaLiga TV Hypermotion, M+ e Fútbol 2) en partido correspondente á 24ª xornada en LaLiga Hypermotion.
Os resultados da última xornada, co triunfo (0-1) no Plantío ante o Burgos CF, deixaron a Os Nosos en 15ª posición da táboa con 28 puntos.
Óscar Gilsanz asegurou na sala de prensa de Abegondo esta mesma mañá que "debemos de traballar no presente e o presente é o Levante UD" e advirte que o reto é "dar unha boa imaxe a nivel competitivo contra un grandísimo rival en casa".
Son baixa para o encontro Escudero, con adestramento personalizado; e Charlie Patiño, que non puido adestrar a consecuencia dunha infección respiratoria.
Do lateral zurdo, apuntou o técnico deportivista que "está aí cos problemas de cóbado. É probable que poida alargarse un pouco, mesmo pasar polo quirófano; pero decidirase proximamente e informarase no seu momento".
O equipo, co canteirán Kevin Sánchez, realizou esta mañá a última sesión no campo 3 de Abegondo nunha semana marcada polas saídas de Lucas Pérez e de Eric Puerto, este cedido ao Marbella FC de Primera Federación; e a chegada de Diego Gómez, que xogou esta primeira parte da temporada cedido no CD Arenteiro tamén de Primera Federación.
Sobre Lucas, o técnico deportivista manifestou que forma parte "da historia do Club pero temos que adaptarnos e pasar páxina".
De Diego Gómez agarda unha versión "seguramente mellorada por esta primeira volta en Primera RFEF xogando practicamente todos os partidos. Estamos convencidos do que nos vai a achegar e ese é o camiño, manter esa identidade e ese traballo coa xente de canteira; e sobre todo, cando saen e responden, tratar de aproveitalos. Creo que vai ser un reforzo importante".
Após un quecemento cun roldo, houbo un partido en espazo reducido e un repaso ás accións a balón parado.
Deportivo e Levante UD víronse as caras no Ciutat de València o pasado 23 de outubro (xornada 11ª) con triunfo granota por 2-1. Barbero anotou o único tanto deportivista no devandito encontro.
O conxunto levantinista, que a pasada fin de semana derrotou en casa (3-1) ao Granada CF, é 5º na táboa con 39 puntos.
Lonxe de Valencia esta campaña o Levante UD gañou ao Sporting de Gijón (1-2), FC Cartagena (0-1), Granada CF (1-2) e CD Tenerife (0-3); empatou coa SD Eibar (2-2), Racing de Ferrol (0-0), Albacete Balompié (0-0) e Cádiz CF (0-0); e perdeu co Real Zaragoza (2-1), Real Racing Club (1-0), CD Castellón (2-0) e CD Mirandés (2-1).
En rolda de prensa, Julián Calero confirmou que durante a semana adestraron a menor ritmo Algobia e Kochorashvili; constatou que Iborra é un máis do grupo; e ve "en boa disposición" a Álex Forés, o último reforzo do equipo que podería debutar en ABANCA-RIAZOR.
Do Dépor destaca que "ten moita velocidade con Yeremay e con Mella, entre liñas con Mario Soriano, arriba Barbero, os dous pivotes Mfulu e Jose Ángel, dous laterais longos... ese 4-2-3-1 failles ser perigosos en velocidade, ser creativos porque teñen esas 3 mediaspuntas que se manexan moi ben. Entón esperamos un partido moi complicado".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o domingo 26 de xaneiro a partir das 11:00 en Abegondo.