O Fabril inicia a liga en Segunda Federación este domingo 7 de setembro ás 12:00 ante o Burgos CF Promesas, recentemente ascendido, no campo principal de Abegondo.
No seu último test de pretemporada, o pasado sábado 30 de agosto, o conxunto de Manuel Pablo derrotou por 1-0 ao Bergantiños CF de Segunda Federación.
Anteriormente, os fabrilistas venceron á SD Compostela en Arzúa (0-2), ao CD Estradense na Estrada (0-3), ao Atlético Arteixo en Ponte dos Brozos (0-1), á SD Sarriana en Pontedeume (1-3) e ao Atlético Coruña Montañeros CF en Abegondo (2-1).
A pretemporada do filial completouna un empate co CD Arenteiro en Abegondo (2-2) e unha derrota co Racing de Ferrol en Narón (3-2).
Manuel Pablo cre que foi un "bo" verán, "encima conservamos a todos os xogadores no que a lesións se refire. Estou moi contento por esta parte porque outras veces chegas con menos xente a este inicio".
A nivel competitivo móstrase satisfeito porque "os xogadores collesen a idea. Fomos competitivos sempre. Ás veces faltounos algo pero o grupo sabe ben o que queremos e recoñece as situacións".
O técnico fabrilista pide "ser competitivos ante calquera rival".
No Fabril, coa fichaxe de Pablo Cortés, o peche de mercado deixou as cesións de Carreira ao Atlético Coruña Montañeros CF; e de Hugo Villaverde e Pablo Parada á SD Sarriana de Segunda Federación.
Para o choque é baixa Manu Ferreiro, en proceso de recuperación.
Manuel Pablo poderá contar con Samu, Mane e Kike Fernández que este sábado estiveron convocados polo primeiro equipo para o seu partido ante o Sporting de Gijón.
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva de Abegondo para o partido.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición das localidades nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
