RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Un renovado Fabril arrinca unha nova campaña en Segunda Federación este sábado en Abegondo ante o Real Ávila CF

Un renovado Fabril inicia a liga no grupo 1º de Segunda Federación mañá sábado ás 18:00 en Abegondo ante o Real Ávila CF (YouTube RC Deportivo).

O filial sufriu unha transformación no seu vestiario coa chegada das novas incorporacións: Aarón Sánchez, Jaime Garrido, Dylan Iglesias, Íker Vidal, Nsongo Bil, Fadil Montapon, Darío Germil, Damián Canedo, Luisao, Fabián e Quique Fernández, os 3 últimos confirmados esta mesma semana.

Ademais saíron cedidos futbolistas como Brais Suárez, Nájera, Martín Ochoa, Diego Gómez, Álex Delgado e David Domínguez, co obxectivo de que poidan seguir a súa progresión e crecemento; e, por conseguinte, dean un paso adiante na súa formación como futbolistas.

Óscar Gilsanz admitiu en rolda de prensa que lle equipo "parécese pouco" ao da campaña anterior: "Isto é algo cíclico. Como filial que somos estamos dispostos a este cambio de ciclo despois duns anos con caras máis recoñecidas ou que tiveron máis continuidade. Agora tócanos un ciclo diferente, igual de ilusionante".

Lembra que "ao que nos debemos nós é a mellorar aos futbolistas, a facelos cada día mellores, a achegalos cada vez máis ao primeiro equipo e a tratar de traballar o máximo posible para que este ciclo que se inicia sexa produtivo para o Club".

Nesta primeira cita serán baixa Álex Pereira, cunha lesión de xeonllo, e Kevin Sánchez. O internacional, titular a pasada campaña, realizou boa parte da pretemporada ás ordes de Imanol Idiakez pero sufriu unha lesión muscular despois de disputar os últimos amigables xa con Óscar Gilsanz.

O xuvenís Guerrero, Noé e Dani Estévez completan a convocatoria.

O Club activou o protocolo de apertura con rexistro de asistentes da Cidade Deportiva.

Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar as localidades e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e os 4 últimos números do DNI. A continuación, seleccionar unha localidade libre na bancada e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.

Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.

Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.

O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir aos partidos, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición da bancada nun proceso 100 % telemático.

Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade. O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.

Pola súa banda, o Real Ávila CF, recentemente ascendido, nesta pretemporada venceu en amigables ao club A Virgen del Camino (3-1), Gimnástica Segoviana (2-1) e Valladolid Promesas (0-1); empatou co CD Guijuelo (1-1); e caeu co Unionistas de Salamanca CF (1-2), Rayo Majadahonda (0-2), CDA Navalcarnero (2-0), Getafe B (2-0), Palencia Cristo Atlético (1-0) e UD Sanse (2-1).

Miguel de la Fuente, o seu adestrador, manifestou en rolda de prensa que afrontan esta temporada "con moita humildade, con moito respecto a todo o que leva o escudo que levamos, á historia que ten o Club e o tempo que fai que non está nesta categoría. Estamos responsabilizados por iso".

Pide así mesmo ser "ambiciosos, crer nas nosas posibilidades, facernos fortes e a partir de aí ir crecendo como grupo".