RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Villares asegura que o vestiario deportivista "quere dar ese último acelerón"

Diego Villares asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo, após recibir o Premio Estrella Galicia que o acredita como mellor xogador do Dépor no mes de marzo, que "o vestiario quere dar ese último acelerón neste último tramo da temporada, que nos queda pouquiño".

Respecto ao partido en Anduva deste domingo 13 de abril ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) ante o CD Mirandés lembra que "no partido da primeira volta en ABANCA-RIAZOR foi o partido que máis superados vímonos na temporada. Co forte que son na súa casa esperamos un partido moi complicado".

O capitán branquiazul apunta que na liga "está todo moi igualado pero cunha vitoria a semana sempre leva mellor. Entón, queremos seguir con esta boa dinámica e seguir mirando canto máis arriba mellor".

Do triunfo en ABANCA-RIAZOR ante o Cádiz CF o pasado domingo admite que "se nos estaba atragantando un pouco esas vitorias en casa. A todos gústanos xogar en ABANCA-RIAZOR, e moito máis gañar. Por sorte puidémolo conseguir esta fin de semana".

Subliña Villares que no vestiario deportivista "por ambición non vai ser. Máis ambiciosos que nós non hai ninguén. O que queremos é gañar cada semana, cada partido. Tampouco depende de nós porque hai moitos equipos aí metidos e varios por encima. Nós aos 8 partidos que nos quedan e a ver onde somos capaces de chegar".

Cre que o Dépor afronta esta recta final "nunha boa dinámica. Iso transmítenos un pouco máis de tranquilidade a todos, ver a un equipo reconocible que cada semana vai dar a cara en cada partido".