RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Visita á SD Sarriana dun Fabril que quere en A Ribela "facer o partido do outro día ante a Gimnástica Segoviana CF"

A Fabril visita á SD Sarriana no campo de A Ribela este domingo 30 de novembro ás 17:00, en partido correspondente á 13ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.

Após a derrota da pasada fin de semana no campo Arsenio Iglesias ante a Gimnástica Segoviana CF, os fabrilistas son segundos na táboa con 23 puntos, os mesmos que o Oviedo Vetusta.

Os lucences están dirixidos polo porteiro ex deportivista Dani Giménez. 

Manuel Pablo apunta que "é un rival que tenta arriscar moito desde atrás, non van apertar tan arriba. Se cadra esa primeira presión vana a facer pero logo xúntanse moito".

Advirte o técnico fabrilista que a SD Sarriana "ten bos xogadores aínda que baixas importantes. É bastante combinativo por dentro, que busca pases entre liñas".

Pide aos seus futbolistas "estar pendentes", ademais de subliñar que A Ribela "é diferente que o Arsenio Iglesias pero témonos que adaptar e dar o nivel do outro día".

Nesta liña, Manuel Pablo quere que o Fabril "volva facer o partido do outro día (ante a Gimnástica Segoviana CF), mesmo aínda que logo non consigamos a vitoria. Foi un rendemento moi alto e nesa queremos seguir".

Pola súa banda, a SD Sarriana, que a pasada fin de semana caeu co Rayo Cantabria (2-0), é 11º con 14 puntos.

No seu campo esta temporada, os lucenses gañaron ao CD Lealtad de Villaviciosa (2-0), CD Numancia (4-2) e Real Ávila CF (2-0); empataron co Burgos CF Promesas (1-1); e caeron co Coruxo FC (1-2).

No conxunto lucense figuran como cedidos os canteiráns branquiazuis Pablo Parada e Hugo Villaverde, ademais dos ex canteiráns Iago Parga e Álex Boedo.

Dos dous primeiros Manuel Pablo explica que "a posición de Hugo é máis ese segundo punta próximo ao dianteiro. Ten moita chegada, moito gol. É o típico mediapunta que xoga moi libre e aí fai moito dano. Non vai poder estar, ten unha lesión. E Pablo Parada é un lateral no que temos moita confianza pero nos últimos tempos tivo varias lesións e o seu proceso está a pararse un pouco. Ten moita capacidade e o que falta é que estea dispoñible".