RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
#OSNOSOS

Ximo Navarro: Noto moita confianza, moita motivación durante a semana, o día do partido

Ximo Navarro lembrou este mediodía na sala de prensa de Abegondo que "quedan partidos por diante, as distancias son pequenas. Noto que chegamos nun bo momento. Volvemos sacar 3 vitorias seguidas despois deses dous empates que á xente púidolle crear un pouco de dúbida. Sacámolos adiante, estamos moi ben".

Iso si, advirte que "veñen máis equipos por detrás que tamén chegan en situacións parecidas e vai ser moi difícil até o final, pero temos confianza".

O veterano defensor branquiazul asegura que non nota "ansiedade. Noto moita confianza, moita motivación durante a semana, o día do partido. Non notei ansiedade á hora de xogar. Viuse o outro día perfectamente que fixemos un partido moi completo. Despois dos dous empates, ter dous partidos fóra de ABANCA-RIAZOR e respondemos moi ben a pesar de, nalgún momento, ter dificultades durante o partido. Iso fala moi ben do equipo. Sinceramente non vin ansiedade en ningún momento".

Móstrase "moi contento, moi agradecido" pola presenza de medio milleiro de afeccionados deportivistas nas bancadas do campo Pinilla de Teruel este sábado 13 de abril ás 20:00 horas (FEF TV): "Saben o importante que son para nós neses desprazamentos. A pesar de xogar fóra de casa, nesta categoría fannos moitas veces sentir non que xogamos en ABANCA-RIAZOR pero parecido porque á afección que máis se lle escoita é á nosa. Agradecerlles de corazón todo o que nos fan sentir, tanto cando imos fóra como todos os partidos que estamos a ter durante o ano en ABANCA-RIAZOR. Oxalá que lles podamos dar de novo 3 puntos e un paso máis adiante".

Preguntado por Lucas Pérez, Ximo Navarro afirmou que "dentro do equipo non tiña ningún tipo de dúbida de que, sabendo o xogador que é, o que é para nós e o que nos achega tanto en goles, como balón parado, asistencias... é moi importante. Quizais é o xogador máis importante no equipo nese aspecto. Pero nunca vin ningún tipo de dúbida en sacar os partidos adiante nos que el estivo fóra por lesión. Eu creo que o equipo respondeu moi ben. Gañamos 2 partidos fóra de ABANCA-RIAZOR, o do outro día contra Unionistas facendo un partido completísimo. Estamos encantados no momento no que poida volver porque obviamente imos ser mellores".

Finalmente, a nivel individual, confesa que se atopa "moi ben. A primeira parte da temporada non puiden xogar todo o que quixese, sobre todo porque coa última (lesión) foron dous meses parado, logo veu o parón de Nadal. Desde entón puiden xogar practicamente case todos os minutos sen ningún tipo de problema. Dúbidas non tiña porque levo moito tempo xogando ao fútbol, tiven lesións tamén graves e sempre volvín nun bo momento. Grazas a Deus nunca tiven problemas para atopar de novo ese punto óptimo físico".

Nesta liña conclúe que "me atopo agora quizá no mellor momento. Pola miña banda encantado porque é a parte final da liga e chegar nese momento faime sentir moi ben".