RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Ximo Navarro sente que "estivemos ben até o gol" e Mario Soriano asegura que "o importante é puntuar"

Ximo Navarro e Mario Soriano pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR após o enfrontamento ante o Real Zaragoza.

O lateral dereito branquiazul confesou que "estamos doídos, amolados" e que "estivemos ben até o gol. Tivemos 20 minutos bos pero o resto foi bastante malo, moi metidos atrás, sen ter o balón, moito balón longo. Iso facíalles gañar todos os balóns, todas as segundas xogadas".

Ximo Navarro ten a sensación de que "fóra de ABANCA-RIAZOR temos mellores momentos que aquí. Quizais hai equipos que se xuntan un pouco atrás e sen eses espazos cústanos un pouco. Para ter a posesión e dar moitos pases consecutivos necesitamos que o rival nos dea eses espazos; e cando non os temos cústanos un pouco. Se non somos capaces de sacar o balón xogado cando xogamos en longo non adoitamos ser gañadores porque non é o noso forte".

Finalmente o futbolista branquiazul lembra que "todos os partidos hai veintipico mil persoas. É de agradecer o apoio, o ánimo que nos dan. O que nos falta é darlles máis vitorias aquí en ABANCA-RIAZOR. Confío en que veña esa xeira boa de sacar as vitorias aquí".

Pola súa banda, Mario Soriano lamentouse porque "tiñamos xa os 3 puntos en ABANCA-RIAZOR, 2 vitorias seguidas, puñámonos moi ben na clasificación para optar a máis. Ao final métennos ese gol pero o importante é puntuar". 

Opina que "tivemos ao principio moi bos minutos. Controlamos o partido, metemos gol. Logo eles botáronse para adiante e afundíronnos un pouco. A segunda parte foi máis de transicións. Tiveron ocasións eles, nós tivemos 2, 3 transicións que puidemos marcar. O Dépor en ABANCA-RIAZOR e fóra é o mesmo. Tentámolo. Os 3 puntos estaban xa en casa; e ao final nesa xogada que centran atrás, cae o rebote e empátannos". 

O goleador branquiazul no partido, que "non sabía nada sobre a amarela", asegura que o motivo da celebración foi polos seus amigos e "a máscara deuma un neno pequeno o ano pasado".

O centrocampista branquiazul tivo que mostrarse cauto no terreo de xogo após a amoestación xa que "cunha amarela tes que ir co freo de man botado".