RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
ES

Partidos internacionais para Fayçal e Sam Piette mañá venres

O deportivista Fayçal Fajr e o fabrilista Sam Piette teñen mañá venres 3 de xuño cita internacional coas súas respectivas seleccións nacionais: Marrocos e Canadá.

Fayçal mídese a Libia en Túnez

En partido clasificatorio para a Copa de África 2017, Marrocos mídese a Libia. O choque arranca ás 19.00 (hora local) en Rades (Túnez).

O pasado venres, Marrocos venceu (2-0) o Congo en partido amigable que se xogou en Tánger. Fayçal arrancou o partido no banco dos suplentes. Após o descanso, o centrocampista branquiazul relevou Mounir Obbadi e disputou pois os segundos 45 minutos.

Sam Piette fronte a Azerbaiján

O fabrilista Sam Piette foi convocado por Canadá para unha concentración da selección en Austria, desde o pasado martes 31 de maio ao mércores 8 de xuño.

Mañá venres, a selección canadiana ten previsto xogar un amigable en Austria: ante Azerbaiján no Stadion Rohrbach en Rohrbach An Der Lafnitz (19.00 horas).

O martes 7 de xuño será o segundo amigable, nesta ocasión fronte a Uzbekistán, no Thermenstadion da localidade austríaca de Bad Waltersdorf (16.00).

Por conseguinte, Piette causa baixa no Fabril para o partido de ida da segunda eliminatoria do Play Off de Ascenso a Segunda División B, ante o Navalcarnero en Riazor (domingo 5 de xuño ás 12.00 horas).

Celso Borges arranca o sábado a Copa América Centenario 2016

Este sábado 4 de xuño, Paraguai será o primeiro rival de Costa Rica, na que se acha convocado o deportivista Celso Borges, na Copa América Centenario 2016.

O calendario de Costa Rica na Primeira Fase é o seguinte:

Sábado 4 de xuño
COSTA RICA - PARAGUAI, ás 17.00 (hora local) no Citrus Bowl de Orlando

Martes 7 de xuño
ESTADOS UNIDOS - COSTA RICA, ás 19.00 (hora local) na Soldier Field de Chicaco

Sábado 11 de xuño
COLOMBIA - COSTA RICA, ás 20.00 (hora local) no NRG Stadium en Houston

Os dous primeiros clasificados accederán a cuartos de final, do 16 ao 18 de xuño. As semifinais xogaranse o 21 e 22. O 25 de xuño está previsto o partido polo terceiro e cuarto posto; mentres que a final se celebrará o 26 de xuño en New York.

Celso Borges disputou o pasado venres (madrugada do sábado en España) un partido amigable ante Venezuela no Estadio Nacional de Costa Rica en San José.

O  mediocentro deportivista foi titular e disputou 63 minutos, até que foi relevado por Tejada. Venceu Costa Rica (2-1), a pesar de que os venezuelanos se adiantaron no marcador no minuto 29.