
DÉPOR ABANCA · 23 OUTUBRO 2026
ALBERTO RODRÍGUEZ ASEGURA QUE «NO QUE NOS CENTRAMOS É NA MELLORA DIARIA, NO DÍA A DÍA»
Alberto Rodríguez asegurou na sala de prensa do Dépor Training Center que "no que nos centramos é na mellora diaria, no día a día. Para min, o proceso de adestramento é transcendental. É o eixe arredor do que xira todo. Creo que as xogadoras tamén están polo labor e así o ven elas".Iso si, lembra que "na elite os resultados tamén son imprescindibles, pero teñen que ser consecuencia do traballo e non a causa de que un día poidas resolver ben unha situación".O técnico deportivista insiste en "repetir patróns que fagan sentir cómodas as futbolistas e que lles custe aos rivais atopar as túas debilidades ou os teus puntos menos fortes. Para iso traballamos".Subliña que non se fixa na clasificación, aínda que "sei os puntos que temos e os que nos faltan por conseguir para o primeiro obxectivo, que é a permanencia. Unha vez que o consigamos, trataremos de ver onde estamos. Sentímonos cómodas nos plans de partido, ao ver que te enfrontas a rivais de diferentes niveis e que estás en todos os partidos. Para min é o mellor sinal".Tamén salienta que, agás as lesións de Espe Pizarro ou Tarazona, "puidemos gozar de todo o cadro de xogadoras no que respecta ás lesións. Iso fala do seu traballo invisible e do traballo do staff. Para min é moi importante, porque traballar situacións de xogo co equipo ao completo é a base para que, a medio prazo, os equipos rendan".Do Deportivo Alavés, rival este domingo 25 de outubro ás 12:45 (Dazn, Teledeporte e RTVE Play) en ABANCA-RIAZOR, advirte que "é un equipo que corre moito e corre ben. Os seus datos físicos así o indican, con xente moi rápida arriba. Utiliza moitas veces o xogo directo ou os golpeos para meter o rival na súa área. Temos que controlar ese tipo de situacións. Vimos dun escenario (Ipurúa) que nos obrigou a afrontar situacións dese estilo, por suposto con matices distintos".Así pois, Alberto Rodríguez pide "adaptarnos, dentro do que nós somos, ao Deportivo Alavés, minimizar as súas armas e levar o partido a onde nós queremos, porque nos sentimos cómodas facendo o que facemos. E, pouco a pouco, buscar a nosa mellor versión dentro do modelo de xogo do que pretendemos gozar ao longo do ano".

Abertas este sábado 24 de outubro desde as 11:00 horas os des...

Manuel Pablo advirte que "temos que subir o nivel nós"

Antonio Hidalgo: "Para nós todos os partidos en Primera Divis...

Un Fabril que non quere obsesionarse cos resultados recibe es...

Esixente exame do Dépor este sábado 24 de outubro ás 21:00 no...

A expedición da RC Deportivo Fundación foi recibida por Ana P...