RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
O RC Deportivo abre un proceso para actualizar e reforzar a súa relación coas peñas, dentro do marco legal e de seguridade de LaLiga

DÉPOR · 10 XULLO 2026

O RC DEPORTIVO ABRE UN PROCESO PARA ACTUALIZAR E REFORZAR A SÚA RELACIÓN COAS PEÑAS, DENTRO DO MARCO LEGAL E DE SEGURIDADE DE LALIGA

O Real Club Deportivo inicia un proceso de actualización do modelo de relación coas peñas deportivistas, co obxectivo de seguir mellorando unha vinculación que forma parte esencial da historia, da identidade e do día a día do Club e de axustala ao marco legal en materia de espectáculos públicos e de LaLiga.Esta iniciativa nace da vontade de adaptar o marco actual á realidade presente do deportivismo e do fútbol profesional, avanzando cara a un modelo máis próximo, transparente, participativo e útil para todas as partes, pero tamén máis esixente e responsable en termos de prevención da violencia, o racismo, a xenofobia e a intolerancia, construíndo espazos máis seguros para todos os espectadores e seguidores do Club. O propósito do Club é construír, xunto coas peñas, unha relación cada vez máis directa, ordenada e aliñada coas necesidades actuais e futuras da entidade.Como primeiro paso, o Club comunicou que non se procederá á prórroga automática do convenio de colaboración vixente coa Federación de Peñas, asinado en 2017, abrindo así un período de diálogo para traballar nun novo marco de colaboración. Esta posibilidade está prevista no propio convenio e preséntase como unha oportunidade para revisar, actualizar e mellorar os mecanismos de relación existentes.O obxectivo deste proceso é reforzar o vínculo con todas as peñas e peñistas, favorecendo unha comunicación máis fluída co Club, unha maior participación e uns procedementos claros que permitan garantir criterios de transparencia, equidade e igualdade de oportunidades para o conxunto da masa social deportivista.Durante este período de revisión analizaranse, de forma construtiva, aqueles aspectos do modelo actual que poidan ser mellorados ou adaptados ás mellores prácticas do fútbol profesional. Entre outras cuestións, poderanse abordar os procedementos relacionados coa xestión de entradas para partidos como visitante, os sistemas de rexistro de peñistas e os mecanismos de prevención e resposta fronte a cánticos ofensivos e incidentes, así como calquera outro ámbito que contribúa a facer a relación entre o Club e as peñas máis eficaz, próxima e beneficiosa para todos. O obxectivo é construír espazos que permitan anticipar riscos, actuar con maior rapidez e claridade ante comportamentos contrarios á normativa e garantir que as peñas sexan parte activa da solución para conseguir espazos máis seguros e de respecto.O RC Deportivo quere reiterar o seu recoñecemento e agradecemento ao papel que desempeñan as peñas na vida do Club, cunha maior participación e uns procedementos claros que permitan garantir criterios de transparencia, equidade e igualdade de oportunidades para o conxunto da masa social deportivista. O seu apoio, compromiso, presenza en cada desprazamento e sentimento deportivista son unha parte fundamental da identidade da entidade e seguirán sendo un piar clave no seu crecemento, construíndo un novo modelo que permita reforzar tanto o dereito do afeccionado a animar o equipo, como a seguridade do evento, a imaxe do Club e o cumprimento da legalidade.O Club afronta este proceso desde unha vontade clara de diálogo, escoita e construción conxunta. Non se trata de cambiar a esencia do peñismo deportivista, senón de reforzala, dotándoa dun marco de relación máis actualizado, transparente e participativo, que permita seguir fortalecendo o vínculo entre o RC Deportivo, as peñas e o conxunto da afección.Porque o futuro do Deportivo debe construírse desde a unión, a corresponsabilidade e o compromiso compartido de todos os que forman parte do deportivismo, dentro dun contorno seguro, respectuoso e acorde ás normas de LaLiga que rexen o fútbol profesional.