RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Antonio Hidalgo quere "seguir sendo fortes en casa, atrevidos, valentes, protagonistas"

Antonio Hidalgo manifestou na sala de prensa do Dépor Training Center que "sempre estamos en débeda con #ANOSAFORZA. Dannos moitísimo. Son o sentir do Club, son os que nos empuxan, os que nos levan. Estamos para darlles alegrías. Queremos brindarlles outra vitoria en ABANCA-RIAZOR, seguir sendo fortes en casa, atrevidos, valentes, protagonistas; sabendo que haberá momentos dos partidos nos que haberá que estar atentos porque vén un rival ben traballado".

O técnico deportivista lembra que "o día da UD Almería estivemos moi ben. Tivemos ocasións dabondo para gañar o partido. Certo é que o último día (ante o Real Valladolid) non foi así. Temos que estar máis en campo rival, crear máis superioridades por fóra, ser máis determinantes, acabar máis xogadas para poder empuxar máis ao rival. Niso estivemos traballando".

Insiste en que "todos os rivais son complicados. Hai moitísimos cadros confeccionados para estar na parte alta aínda que de inicio poida parecer que non. Todo o mundo vai ao límite. A categoría diche que é incriblemente igualada, das máis igualadas que recordo na parte alta nos últimos anos. Cunha vitoria ou unha derrota pasas dunha posición a outra cunhas sensacións ou outras".

Iso si, subliña que "temos que ser valentes, ténsenos que esixir pero con esa dose de realidade da dificultade da categoría".

Da Cultural Leonesa, rival este sábado 8 de novembro ás 18:30 (LaLiga TV Hypermotion) en ABANCA-RIAZOR afirma que "é un equipo que vén xogando tempo xunto, con xente de moitísimo talento por dentro". 

Ademais, apunta que "a chegada de Cuco Ziganda dotoulle desa estabilidade, desa orde que caracteriza aos seus equipos. Ten esa pegada e esa mordente arriba, ten talento e desequilibrio por fóra. Son un cadro ben confeccionado. Vai ser un partido igualado. Tentaremos buscar os nosos momentos".