O Fabril recibe ao Bergantiños CF este domingo 9 de novembro ás 12:00 (YouTube RC Deportivo) no campo Arsenio Iglesias na 10ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
O filial recupera a futbolistas como Manu Ferreiro e Hugo Torres; ademais de Samu, sancionado no encontro en Ourense, ou Damián Canedo, ás ordes de Antonio Hidalgo en Zaragoza a pasada fin de semana.
Tamén estarán xogadores en dinámica do primeiro equipo habitualmente como Fabi, Bil, Hugo Ríos ou Quique Teijo.
"Recuperamos xente importante ou que está a ser importante", subliñou Manuel Pablo na sala de prensa do Dépor Training Center.
Por contra, causan baixa para o encontro Noé, Mane, Rubén e Aarón; circunstancia que preocupa o xusto ao preparador fabrilista: "Temos un cadro amplo", presume.
Os resultados da última xornada, coa derrota no Couto ante a UD Ourense, deixou ao filial á fronte da táboa con 19 puntos, os mesmos que o Oviedo Vetusta.
Pola súa banda, o Bergantiños CF, que empatou (0-0) nas Eiroas co UP Langreo, é 4º na táboa con 18 puntos.
Fóra de casa esta temporada o conxunto rojillo gañou ao Coruxo FC (0-1) e Rayo Cantabria (1-2); empatou co Marino de Luanco (1-1); e caeu co Real Ávila CF (2-1).
O 'Bergan' incorporou ademais esta semana ao dianteiro nixeriano Frank Uwumiro, procedente da Primera División do país africano.
Ambos os equipos víronse as caras esta pasada pretemporada, concretamente o sábado 30 de agosto, no mesmo escenario que o deste domingo. Naquela ocasión venceron os fabrilistas por 1-0 con gol de Bil aos 2 minutos de partido.
O Club mantén activo o protocolo de apertura con rexistro de asistentes do campo Arsenio Iglesias.
Poden retirar entradas dispoñibles, até esgotar a bancada e sen ningún custo adicional, todos os socios e socias do RC Deportivo que o tramiten formalmente a través da web bancada.rcdeportivo.es, na que deberán introducir a súa ID de socio e o pin. A continuación, seleccionar unha localidade libre e posteriormente completar os seus datos de contacto e a dirección de correo electrónico onde recibir a entrada.
Con eses mesmos datos doutras persoas socias, unha única pode retirar máis dunha entrada nunha soa xestión e, deste xeito, seleccionar asentos contiguos ou próximos.
Este procedemento ten dous fins: poder solicitar e recibir a entrada e, ademais, levar un control de repartición e localización na instalación.
O RC Deportivo solicita que unicamente tramiten a entrada aqueles socios e socias que vaian poder acudir ao partido, para evitar que queden afeccionados sen poder asistir unha vez completado a repartición dos asentos nun proceso 100 % telemático.
Tamén está habilitado simultaneamente o sistema de venda de entradas para o público en xeral, a través da mesma plataforma en bancada.rcdeportivo.es e seguindo o preceptivo sistema de rexistro e pago de localidade.
O prezo de cada entrada para afeccionados sen carné do RC Deportivo é de 10 euros.
