Despois de dous partidos consecutivos fóra de casa, en Málaga e Santander, o Deportivo regresou este domingo a ABANCA-RIAZOR no partido que pechou a 11ª xornada en LaLiga Hypermotion.
En fronte estaba un recentemente descendido de LaLiga EA Sports e sempre aspirante ao ascenso, o Real Valladolid dos ex deportivistas Trilli e Guille Bueno, campións de España co Xuvenil A branquiazul.
Empataron os branquiazuis nun partido no que Antonio Hidalgo apuntou na sala de prensa que "hai que pór máis intensidade, máis actitude, hai que ir con todo".
Con este resultado, Os Nosos quedan con 17 puntos na 8ª posición de LaLiga Hypermotion.
Foron baixa para o encontro os lesionados Ximo Navarro, Escudero e Daniel Bachmann.
Hugo Ríos, Damián Canedo e Íker Vidal foron os representantes de ANOSACANTEIRA na convocatoria.
O Dépor introduciu tres novidades no once respecto ao encontro en El Sardinero. Stoichkov relevou a Luismi, Lucas Noubi a Gragera e Mulattieri a Eddahchouri.
Ao minuto de xogo, Mario Soriano mete un balón raso ás costas da defensa valisoletana a Mella, que se marcha por velocidade pero entretense nos caneos e dispara forzado fóra.
No entanto foi o Valladolid o que dominou territorialmente aos branquiazuis, cunha presión moi alta, aínda que sen crear ocasións claras de gol.
A primeira oportunidade valisoletana chegou aos 23 minutos cun dobre remate de Marcos André ao corpo de Germán e de Latasa, que recolleu o rexeite, demasiado alto.
Apertou o Valladolid, que o tentou de novo cun remate á media volta de Marcos André. Atallou Germán con seguridade.
Á media hora, Peter disparou lixeiramente cruzado após tocar nun defensor branquiazul.
Rozaban o gol os visitantes.
E conseguírono aos 31 minutos. O colexiado do encontro, Daniel Palencia, decretou pena máxima por derriba na área de Dani Barcia a Marcos André.
Latasa transforma a pena máxima enganando a Germán e subía o 0-1 ao marcador.
O gol deixou noqueado aos deportivistas, incapaces de crear perigo ante o porteiro Guilherme.
Con este resultado chegouse ao descanso.
"Foron 45 minutos seus completamente. Practicamente non fixemos ningunha ocasión de gol excepto a primeira de Mella no primeiro minuto", resumiu Antonio Hidalgo.
Após o paso polos vestiarios, Arnau Comas relevou a Dani Barcia, amoestado na acción do penalti.
O partido deu un xiro no minuto 49. Marcos André viu a súa segunda cartolina amarela por unha clara falta a Mella. O atacante valisoletano vira a primeira no desconto da primeira parte por outra entrada perigosa sobre Quagliata.
Así pois o Real Valladolid quedou en inferioridade numérica con 40 minutos de partido por diante.
E empezaron a chegar as ocasións do Dépor.
Aos 52 minutos, Quagliata sorprende entrando desde atrás e cabeceando fóra por pouco un bo centro de Lucas Noubi desde a banda dereita.
No 56, Loureiro cabeceou un saque de esquina ás mans de Guilherme.
Antonio Hidalgo achega máis madeira. Luismi Cruz releva a Quagliata. O gaditano situouse na dereita e Mella pasou á esquerda.
As chegadas á área valisoletanas eran xa constantes polas dúas bandas.
Aos 65 minutos, Mulattieri rouba un balón en tres cuartos, regatea ao seu par e xuta moi duro. Salva Guilherme un gol cantado.
Eddahchouri substituíu a Stoichkov e ocupou a punta de ataque con Mulattieri.
O único achegamento do Valladolid foi un disparo de Peter desde a frontal no minuto 67. O balón, após tocar nun defensor deportivista, márchase fóra por pouco.
O colexiado do encontro, Daniel Palencia, non apreciou penalti unha derriba de Yeremay na área. Mulattieri levou o cartón amarelo nas protestas. O VAR, no que repetiu Rubén Avalos por terceiro partido consecutivo, tampouco entrou a xulgar a acción.
Os minutos finais foron trepidantes.
Loureiro remata de socato e Guilherme salva nunha gran parada na mesma raia. O rexeite cae a Lucas Noubi, que remata fóra.
Xa no desconto, e noutro centro á área, Eddahchouri é agarrado na área por Tomeo.
Esta vez o árbitro vasco si acode ao VAR e sinala penalti. Yeremay transforma no minuto 97.
A pesar de que se xogaron 4 minutos máis non houbo claridade para tentar marcar o segundo.
"Se queremos estar arriba e queremos competir como queremos na nosa cabeza hai que competir máis, ir a outro ritmo, ser moitos máis fodidos de xogar", resumiu o preparador branquiazul.
Deportivo: Germán, Lucas Noubi, Loureiro, Dani Barcia (Arnau Comas, min. 46), Quagliata (Luismi Cruz, min. 58), Villares (Cristian Herrera, min. 76), Soriano, Mella, Yeremay, Stoichkov (Eddahchouri, min. 66) e Mulattieri
Real Valladolid: Guilherme F., Bueno (Javi Sánchez, min. 88), Torres, Latasa, Marcos André, Alejo, Tomeo, Biuk (Amath, min. 88), Ponceau (Alani, min. 80), Peter (Chuki, min.85) e Juric
Árbitro: Daniel Palencia, do comité vasco. Amoestou a Dani Barcia (min. 31), Quagliata (min. 43), Marcos André (min. 45+1 e 49), Mulattieri (min. 72) e Latasa (min. 78)
Goles: 0-1 Latasa, de penalti (min. 33); 1-1 Yeremay, de penalti (min. 90+7)
Incidencias: partido correspondente á 11ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 19.482 espectadores
