O Dépor perdeu esta tarde co Levante UD en ABANCA-RIAZOR un partido no que, segundo declarou Óscar Gilsanz na sala de prensa, "non só non foi inferior senón que en moitos momentos do partido fomos superiores".
Con este resultado, Os Nosos quedan con 28 puntos na 15ª posición da clasificación de LaLiga Hypermotion.
Ademais das saídas esta semana de Lucas e de Eric Puerto, foron baixa Escudero e Charlie Patiño, este a consecuencia dunha infección respiratoria.
Os fabrilistas Alberto, en dinámica do primeiro equipo, e Kevin Sánchez foron os representantes de ANOSACANTEIRA.
Óscar Gilsanz repetiu o debuxo de Burgos, co mesmo once.
Os primeiros minutos foron de tenteo entre os dous equipos.
A primeira do partido foi para o Levante UD, nun remate desde dentro da área que corta Pablo Vázquez a saque de esquina. Corría xa o minuto 24.
Após o saque de esquina Yeremay dispuxo dun 2 para 2 con Mella entrando pola dereita. O canario optou polo disparo, repelido pola zaga levantinista.
Tan pechado estaba o partido que o seguinte remate chegou no 37, obra de Mella ás mans de Andrés Fernández.
A última da primeira parte foi un disparo de Lozano desde a frontal que se marcha literamente alto.
Con moita igualdade concluíron os primeiros 45 minutos.
Após o paso polos vestiarios, Obrador puido anotar o primeiro pero o seu remate dentro da área marchar lamiendo o pau esquerdo da meta de Andrés Fernández.
Os primeiros minutos foron de dominio total deportivista ante un Levante UD acazapado no seu campo.
Pero os levantinistas, sen merecelo, atopáronse cun gol nunha transición rápida que acaba nun balón rematado por Carlos Álvarez na área pequena ante o rexeite de Helton Leite.
Non lle perdeu a cara o Dépor ao partido, que seguiu pondo cerco á portería de Andrés Fernández.
José Ángel tentouno desde o frontal pero o seu chute repéleo a defensa granota.
Óscar Gilsanz empeza a mover o banco coa entrada de Villares e Bouldini por Mfulu e Barbero respectivamente.
Morales puido marcar o segundo ao sortear a Helton Leite na súa saída da área. Salvou baixo paus Ximo Navarro.
O guión do partido era un Levante UD esperando unha contra e o Dépor co control do xogo.
Con xustiza empatou Villares no minuto 81 despois dunha xogada de fantasía de Yeremay por banda esquerda.
Pero a mala fortuna aliouse cos Nosos. Nun balón alto ás costas da defensa branquiazul que pica Pablo Vázquez, Morales recólleo e marca a porta baleira porque Helton Leite saíra a por ese balón longo tamén.
Golpe inmerecido ao Dépor, que volveu pór cerco á meta de Andrés Fernández a base de xogo combinativo; pero faltou precisión para polo menos conseguir un merecido punto.
Os últimos minutos deixaron a saída ao campo de Diego Gómez, que relevou a Mella no minuto 90. O canteirán estreouse así co Dépor após o seu exitoso paso polo CD Arenteiro de Primera Federación.
Óscar Gilsanz cualificou ante os medios de comunicación o encontro de "moitísima intensidade, moitísimo traballo dos futbolistas" e que este tipo de partidos "decídense por pequenos detalles que temos que traballar".
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Obrador (Gauto, min. 90) Mfulu (Villares, min. 60), José Ángel (Kevin Sánchez, min. 85), Mario Soriano, Mella (Diego Gómez, min. 90), Yeremay e Barbero (Bouldini, min. 60)
Levante UD: Andrés Fernández, Dela, Elgezábal, Brugué (Morales, min. 60), Romeu (Carles Espí, min. 77), Pampín, O. Rey, Lozano (Iborra, min. 77), P. Martínez, Carlos Álvarez (Álex Forés, min. 84) e Xavi Grande (Cabello, min. 60)
Árbitro: Orellana Cid, do comité andaluz. Amoestou a Jose Ángel (min. 18), Elgezábal (min. 19), Dela (min. 62), Lozano (min. 66), Pablo Martínez (min. 73) e Oriol Rey (min. 90)
Goles: 0-1 C. Álvarez (min. 50); 1-1 Villares (min.81); 1-2 Morales (min. 83)
Incidencias: partido correspondente á 24ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 22.397 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Manuel Raposo, directivo do club entre 1979 e 1987; Mari Carmen Presas, vicepresidenta da Asociación de Veteranos do Real Club Deportivo; e de todos os socios falecidos no transcurso do ano 2024.