O Dépor ABANCA pechou a súa pretemporada este sábado con derrota pola mínima (0-1) ante o CA Osasuna na 5ª edición do Trofeo Emma Cuervo.
O choque, que se xogou no campo Pepe Barrera de Ribadeo, foi retransmitido en directo na canle de YouTube do RC Deportivo.
Decidiu o choque un gol de fortuna no minuto 70 de Urzainqui, a quen lle rebotou un balón despexado pola porteira deportivista Yohana.
Desta forma, As Nosas quedan no palmarés cun título, o logrado en 2022 ao imporse ao Real Oviedo na quenda de penaltis.
As branquiazuis chegaban a esta última cita de pretemporada após golear á Costa Adeje Tenerife por 0-4 na 53 edición do Trofeo Teide en La Orotava.
´
Fran Alonso contou con todo o seu cadro para este choque, preámbulo da primeira cita ligueira o sábado 30 de agosto ás 18:00 en ABANCA-RIAZOR ante o FC Badalona Women, salvo as lesionadas Millene e Vera Martínez.
A novidade no once en Ribadeo foi a presenza de Espe Pizarro após o seu paso pola Copa América.
Nas botas da internacional uruguaia estivo a primeira ocasión do partido, aos 17 minutos. Recibe de Marisa ao bordo da área osasunista e, libre de marca, dispara alto.
Catro minutos máis tarde, de novo Espe Pizarro engancha unha volea que se foi lixeiramente por encima da portería de Mon.
Pola súa banda, o CA Osasuna de Primera Federación FutFem presentouse en Ribadeo despois de participar na Copa Sentimiento, en formato 'tres nun' coa Real Sociedad e a Costa Adeje Tenerife. As osasunistas caeron coas tinerfeñas (0-1) e empataron coas realistas (1-1).
As navarras só inquietaron á portería de Inês Pereira ao fío do descanso. Urzainqui rematou moi alto de volea un balón solto na área deportivista e Nora cabeceou ás mans da internacional portuguesa un centro por banda dereita de Claudia.
Con este resultado chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Fran Alonso deu entrada a Monteagudo, Henar, Ainhoa Marín e Paula Novo.
O Osasuna, que arrincou mellor, estivo a piques de marcar nos compases iniciais.
Adri Parada métese na área e o seu centro chute lógrao despexar Inês Pereira. Corría o minuto 51.
Respondeu Ainhoa Marín no 54 pero a internacional deportivista non logrou precisar o seu remate na área pequena a centro de Monteagudo, obstaculizada por unha defensora osasunista.
Apertou o Dépor ABANCA, que aos poucos equilibrou o partido. As Nosas protagonizaron un par de boas internadas por banda dereita sen precisión nos centros á área.
Aos 64 minutos, Marisa tentouno desde fóra da área. O balón marchouse fóra por pouco.
Un minuto máis tarde, Henar estrelou o esférico no traveseiro da portería do Osasuna. O rexeite foi para Marisa, que non logrou bater a Mon aínda que a xogada estaba invalidada por fóra de xogo da dianteira deportivista.
Adiantouse o CA Osasuna no minuto 70 cun tanto de fortuna. Yohana recibe co pé e no seu intento de despexe o balón tropeza en Urzainqui e introdúcese mansamente na portería deportivista.
Tocaba remontar na recta final pero faltou claridade para polo menos igualar o marcador.
Deportivo ABANCA: Inês Pereira (Yohana, min. 67), Samara (Paula Novo, min. 46), Paula Gutiérrez (Michi Apóstol, min. 75), Olaya (Ainhoa Marín, min. 46), Espe Pizarro (Bárbara, min. 67), Cavanagh (Monteagudo, min. 46), Marisa ( Eva Dios, min. 75), Raquel García (Marina Artero, min. 46), Elena (Sara, min. 83), Lucía Martínez (Henar, min. 46) e Barth (Redru, min. 67)
CA Osasuna: Mon, Azpiazu (Mait, min. 70), Etxarri (Sarriegi, min. 46), Claudia G. (Saioa, min. 46), I. Igoa (Leire, min. 70), Porto (Ainhoa S., min. 70), Eunate (Adri Parada, min. 46), Palacios (Riu, min. 67), Urzainqui (Churruca, min. 70), L. Teruel e Nora (Marina, min. 70)
Árbitro: Beatriz Cuesta Arribas, do comité galego. Amoestou a Azpiazu (min. 23), Claudia (min. 26) e Churruca (min. 76)
Gol: 0-1 Urzainqui (min. 70)
Incidencias: partido disputado no Estadio Pepe Barrera de Ribadeo. O saque de honra foi para Carlota Peña Vior, campioa de España de remo
