RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#ASNOSAS

O Dépor ABANCA, consciente "da importancia de estar unidas", recibe este domingo a un dos grandes, o Atlético de Madrid, antes do parón de seleccións

O Dépor ABANCA enfróntase este domingo 19 de outubro ás 12:00 (Dazn) en ABANCA-RIAZOR a un dos grandes da Liga F, o Atlético de Madrid.

As Nosas, co empate da pasada fin de semana tamén en ABANCA-RIAZOR ante o DUX Logroño, chegan a esta 8ª xornada en 13ª posición con 6 puntos.

En rolda de prensa no Dépor Training Center, Fran Alonso subliña a "importancia de estar unidas, de traballar duro, con ilusión a pesar de que os resultados non son os que desexamos".

Destaca que "a reacción do equipo foi moi boa. Estou moi contento de como afrontaron esta semana".

Fran Alonso lembra que "todas temos un ano máis de experiencia. Somos máis maduras. Aínda tendo un equipo novo competimos mellor pero non fomos capaces de xogar 90 minutos ben. Ou fixemos unha boa primeira parte e a segunda baixamos. Ou fixemos unha mala primeira parte e logo subimos na segunda. Estamos a buscar un pouco máis de consistencia, de continuidade".

Causa baixa nas branquiazuis por lesión Espe Pizarro, en proceso de recuperación.

Pola súa banda, o Atlético de Madrid, que a pasada fin de semana caeu por 0-6 co FC Barcelona, é 3º na táboa con 14 puntos, os mesmos que o Real Madrid CF (2º) e a Real Sociedad (4ª).

As colchoneiras chegan ademais a ABANCA-RIAZOR após perder por 0-1 co Manchester United na Champions League este xoves.

A pesar destas dúas derrotas consecutivas, o seu técnico, Víctor Martín, cre que "hai motivos para seguir crendo no bo traballo que vimos facendo todo o ano".

Insiste en que "estamos ben, estamos aí en todas as competicións competindo moi ben. A seguir na liña".

En liga, lonxe da Cidade Deportiva de Alcalá de Henares o Atlético gañou ao RCD Espanyol (0-5) e Granada CF (0-4); e empatou co Madrid CFF (1-1).

Finalizado o encontro, As Nosas adestraranse de novo o luns 21 ás 10:30 no Dépor Training Center nunha semana sen competición ligueira polos compromisos das seleccións nacionais.