O Dépor ABANCA enfróntase ao Alhama CF El Pozo, "un rival da nosa liga" segundo Fran Alonso, no Pinatar Arena de San Pedro del Pinatar (Murcia) en partido correspondente á 6ª xornada en Liga F que se xogará este domingo 5 de outubro ás 12:00 (Dazn).
A derrota da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante o Madrid CFF deixou ás Nosas na 9ª posición con 5 puntos, os mesmos que o conxunto murciano, 10º clasificado.
En rolda de prensa no Dépor Training Center, o técnico branquiazul cre que a posición é "anecdótica. Gustaríame ter algunha vitoria máis. Tivemos oportunidade. Se cadra un par de decisións crave en revisións foron desfavorables e se cadra tiñan que ser o oposto".
En calquera caso, subliñou que "5 puntos en 5 partidos non son números malos. Puidémolo facer mellor pero puidemos haber puntuado menos. Estamos máis ou menos ben".
Destaca o preparador deportivista "as actuacións do equipo. Quedo coas sensacións do último, que é o máis importante e do que vexo nos adestramentos".
Nesta liña ve ao Dépor ABANCA "crecendo e nun estado anímico mellor. É importante construír niso. Espero un equipo con moita máis personalidade, con moita máis valentía, e que podamos replicar actuacións que vimos en pretemporada e que en temporada só vimos en partes de partidos, non en partidos enteiros".
Fran Alonso mostrou a súa satisfacción pola volta de Millene, "que estivo toda a semana adestrando sen restricións así que xa podemos contar con ela como con calquera outra. Vainos a dar moito".
Preguntado por Samara, que se viu obrigada a retirarse aos 20 minutos ante o Madrid CFF, apunta que "foi só un susto. Xa está a adestrar co grupo, antonte modificado pero hoxe xa sen iso así que xa podemos contar con ela".
Así pois, unicamente está de baixa Espe Pizarro.
Pola súa banda, o Alhama CF El Pozo venceu a pasada fin de semana ao Dux Logroño por 2-4 e logrou o seu primeiro triunfo en Liga F.
No seu campo esta temporada o cadro murciano empatou co Granada CF (1-1) e caeu (0-4) co UD Costa Adeje Tenerife.
Unha dos seus futbolistas, Raquel Pinel, afirmou que a semana de traballo após o triunfo en Logroño foi "ilusionante, motivante. É importante para nós sumar, e máis contra un rival directo".
Do Dépor ABANCA di que "é un equipo xa experimentado en Liga F, que xogan moi rápido, asócianse moi ben, fan unhas transicións ofensivas moi boas, teñen moi boa toma de decisión sobre todo de mediocampo para arriba".
As Nosas realizaron esta mañá no Dépor Training Center a última sesión de adestramento antes de viaxar con esta folla de ruta:
Sábado 4 de outubro
11:00: Adestramento no Dépor Training Center
16:55: Saída do voo de Santiago con destino ao Aeroporto de Alacante
18:25 (hora aproximada): Chegada ao Aeroporto de Alacante
20:00 (hora aproximada): Chegada ao hotel Thalasia Costa de Murcia en San Pedro del Pinatar
Domingo 5 de outubro
12:00: Alhama CF El Pozo - Deportivo ABANCA, no Pinatar Arena
Ao concluír, regreso en autocar á Coruña
