O Dépor empatou este domingo 20 de abril co CD Tenerife no segundo encontro consecutivo en ABANCA-RIAZOR ás 21:00 horas após o do Cádiz CF do pasado 6 de abril; e á espera dun terceiro o 4 de maio ante o Albacete Balompié.
Óscar Gilsanz admitiu que "houbo demasiadas imprecisións. Iso xeraba certas dúbidas por parte dos futbolistas. Non houbo continuidade nos dominios do partido. Houbo moita alternativa".
Con este resultado, e após 9 partidos consecutivos sen coñecer a derrota, Os Nosos alcanzan os 50 puntos, situados na 11ª posición, xusto no medio da clasificación.
Causaron baixa nesta ocasión os lesionados Gauto, Dani Barcia, Ximo Navarro e Escudero, que se adestra co grupo de maneira condicionada ao seu proceso de recuperación.
José Ángel, sancionado por acumulación de amoestacións, tampouco puido vestirse de curto.
Así pois, respecto ao partido en Miranda de Ebro de hai 7 días, Óscar Gilsanz relevou a Barbero por Eddahchouri na punta de ataque e ao citado Jose Ángel no mediocentro por Mfulu.
Saíron os tinerfeños cunha presión alta, aburados pola clasificación. Aarón cabecea un saque de esquina que obrigou a intervir a Helton Leite.
O Dépor respondeu cun disparo de Mario Soriano taponado por dous defensas case na raia e con outro de Eddahchouri ao cuarto de hora que se foi fóra por pouco. O holandés revolveuse na área e buscouse un oco entre a poboada defensa canaria. Faltou precisión.
Na recta final, o colexiado do encontro, De la Fuente Ramos, consultou no VAR un posible penalti de Pablo Martínez a Luismi Cruz por unha derriba na área. Finalmente non pitou a pena máxima e o atacante tinerfeño foi amoestado.
Co partido aberto e con chegadas ás dúas áreas chegouse ao descanso.
Após o paso polos vestiarios, Yeremay tivo nas súas botas no minuto 52 o primeiro gol. Márchase do seu par, entra na área e cruza o balón lixeiramente desviado do pau esquerdo da meta de Edgar Badía.
Pouco despois, Eddahchouri cabeceou fóra por pouco un saque de esquina lanzado por Mella.
Óscar Gilsanz empeza a mover o banco. Diego Gómez e Obrador substitúen a Mfulu e Tošić. Mario Soriano atrasou a súa posición ao mediocentro.
O partido seguiu sen dominador claro, con moitas imprecisións nos dous equipos.
Tanto Helton Leite como Edgar Badía apenas tiveron que intervir neste tramo do partido.
"Cometemos demasiados erros con balón que lle daban opcións ao CD Tenerife de facer ocasións de ataque", comentou o preparador deportivista.
Tocoulle á meta branquiazul intervir no minuto 70. Desviou nunha gran parada un lanzamento con moita intención de Cantero.
Dous minutos máis tarde, Enric Gallego, que entrara no campo en substitución de Maikel Mesa, non precisou o remate a centro de Cantero.
Era superior o CD Tenerife nestes minutos. "Houbo demasiado descontrol", resumiu Óscar Gilsanz.
Helton Leite saca un man a man a Enric Gallego a pesar de que Pablo Vázquez recibira unha clara falta non sinalizada nun intento de despexe previo.
A pesar do mal grolo pasado, os últimos minutos foron branquiazuis, esporeados pola entrada de Hugo Rama e Genreau. O australiano relevou a Diego Villares, que pediu o cambio a consecuencia dunha molestia nun xeonllo.
Hugo Rama puido marcar nun tiro cruzado e Genreau cabeceou lixeiramente alto un bo centro de Diego Gómez, xa no desconto.
O adestrador do Dépor concluíu que "non estivemos ben. Tratamos de, con máis corazón que cabeza na segunda parte, facer un gol, achegarnos á portería contraria, ter máis dominio de pelota cos cambios. Non fomos capaces. Houbo un arreón final pero non fomos capaces de sumar 3 puntos que queriamos. Non estivemos acertados e si espesos en xeral".
Deportivo: Helton Leite, Petxarroman, Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Tošić (Obrador, min. 56), Villares (Genreau, min. 85), Mfulu (Diego Gómez, min. 56), Mario Soriano, Mella (Hugo Rama, min. 85), Yeremay e Eddahchouri (Barbero, min. 78)
CD Tenerife: Edgar Badía, David Rodríguez, Diarra, Luismi Cruz (Cantero, min. 67), Landazuri, Bodiger, Waldo (Marlos, min. 88), Maikel Mesa (Enric Galego, min. 67), Mellot, César e Aarón.
Árbitro: De la Fuente Ramos, do comité castelán-leonés. Amoestou a Luismi Cruz (min. 38), Petxarroman (min. 43), Pablo Vázquez (min. 58) e Enric Gallego (min. 69)
Incidencias: partido correspondente á 36ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 21.093 espectadores