RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor cae ante o CD Eldense após "non ser capaces en ningún momento de facerlle dano"

O Dépor caeu (2-0) co CD Eldense no Estadio Pepico Amat após "non ser capaces en ningún momento de facerlle dano", tal e como subliñou Óscar Gilsanz na sala de prensa.

Con este resultado, o conxunto deportivista queda con 35 puntos na zona media da clasificación.

Os Nosos presentáronse en Elda após unha semana marcada pola renovación de Dani Barcia, o central coruñés e unha das firmes promesas de ANOSACANTEIRA, até xuño de 2028.

Foi baixa para o encontro Escudero, que estará as próximas semanas con adestramento personalizado.

Pola súa banda, o CD Eldense ten un marcado sabor deportivista.

O conxunto alacantino está dirixido por José Luis Oltra, o técnico valenciano que adestrou ao Dépor na temporada 2011-12 en Segunda División co que logrou o ascenso a Primeira como campión e con marca de puntos aínda non superado: 91. Ademais militan os ex branquiazuis Ian Mackay, Sergio Ortuño, Nacho Monsalve e Víctor García.

Óscar Gilsanz repetiu o once da pasada fin de semana en ABANCA-RIAZOR ante a UD Almería.

Após un par de achegamentos do CD Eldense, os azulgrana optaron por replegarse e deixar a pelota ao Dépor.

O primeiro remate deportivista foi a cargo de Yeremay aos 5 minutos, despois dunha elaborada xogada. O balón saíu desviado.

No outro área, Javi Llabrés, após un saque de esquina, tentouno aos 13 minutos. Helton Leite, ben colocado, atrapou a pelota. 

Pouco despois, o meta brasileiro salva un man a man ante Víctor García na oportunidade máis clara neste tramo inicial do partido.

Zakaria Eddahchouri, a pase de Yeremay, xutou lixeiramente escorado. Nesta ocasión parou a meta local Dani.

As operacións en ataque pasaban polas botas do canario, que volveu rematar desde fóra da área ás mans do porteiro alacantino.

De novo Yeremay aos 27 minutos puido marcar. Recibiu na frontal após unha gran galopada de Obrador pero o seu remate, con intención, foise lixeiramente desviado ao pau dereito da portería do CD Eldense.

A última do primeiro tempo foi na área deportivista. Javi Llabrés remata no corazón da área nun saque de banda convertido en córner. Salvou Helton Leite.

Así pois, con 0-0 chegouse ao descanso.

"Tivemos na primeira parte certa capacidade co balón en canto a ter a posesión pero con moi pouca profundidade", admitiu o preparador deportivista.

O segundo tempo arrincou cun cambio no Dépor. Obrador, que acabou a primeira metade con "un golpe de calor", tal e como aclarou o adestrador branquiazul, deixou o seu posto ao serbio Tošić, que debutaba así no conxunto deportivista após a súa chegada nos últimos días do mercado de fichaxes.

Os primeiros minutos foron para o CD Eldense cun remate de Javi Llabrés que desvía Helton Leite e unha cabezada forzada de Masca, tamén desviado.

Zakaria Eddahchouri probou fortuna no outro área no minuto 55. O balón foise rozando o pau esquerdo da portería local.

Ao minuto seguinte, o colexiado do encontro, o colexiado vasco Palencia Caballero, sinalou penalti de Pablo Vázquez ao tentar obstaculizar unha cabezada de Masca, que o propio futbolista transforma no 1-0.

"O penalti cambia o resto do partido e mesmo despois estivemos peor", opinou Óscar Gilsanz.

Os Nosos volveron encaixar no minuto 64 grazas a outra contra conducida por Víctor García e culminada por Javi Llabrés.

"Cando tentamos circular atascabámonos ao tentar facelo por fóra. Non tiñamos capacidade de ter profundidade e para atacar os espazos", subliñou Gilsanz.

O Dépor move o banco e retira aos dous medioscentros (Villares e Jose Ángel) para pasar a xogar con 2 dianteiros coa entrada de Barbero e "ver se en situacións de centro e remate eramos capaces de afundir ao rival", indicou.

Os alacantinos cederon o campo e esperaron de novo outra contra. "O CD Eldense estivo ben e en ningún momento atopamos a maneira de facerlle dano nin a capacidade de atopar situacións de gol", resumiu o técnico branquiazul.

Barbero, a centro de Gauto, cabeceou desviado no minuto 82 na última oportunidade para o Dépor de meterse no partido e polo menos inquietar ao CD Eldense.

"Mesmo ao final confundímonos. Como non eramos capaces de chegar por fóra tentamos xogar en longo coas dúas puntas cando a idea era levar o balón por fóra con Mella pegado a banda esquerda, e con Gauto e Yeremay por dereita. Non estivemos acertados tampouco. Entre o desacerto noso e o bo traballo defensivo do CD Eldense estivemos inoperativos en ataque", resumiu Óscar Gilsanz.

CD Eldense: Dani, Íñigo Pena, S. Ortuño, Javi Llabrés (Simo, min. 81), Fran Gámez, Masca (Quintana, min. 67), Víctor García (Gassama, min. 89), Marc, D. Collado (David Timor, min. 67), Barzic e Diego Méndez (Camarasa, min. 81)

Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro (Gauto, min. 80), Pablo Vázquez, Pablo Martínez, Obrador (Tošić, min. 46), Villares (Barbero, min. 67), Jose Ángel (Denis Genreau, min. 67), Mella, Mario Soriano, Yeremay e Zakaria Eddahchouri (Bouldini, min. 80)

Árbitro: Palencia Caballero, do comité vasco. Amoestou a Pablo Vázquez (min. 56)

Goles: 1-0 Masca, de penalti (min. 57); 2-0 Javi Llabrés (min. 64)

Incidencias: partido correspondente á 27ª xornada en LaLiga Hypermotion disputada no Estadio Pepico Amat ante 4.718 espectadores, entre eles un centenar de deportivistas