RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor, co obxectivo cumprido hai semanas, despídese con derrota ante o Elche CF e con homenaxe a Pablo Martínez, Jaime e Suso Méndez

O Dépor despediuse da liga cunha derrota por 0-4 ante o Elche CF en ABANCA-RIAZOR en "un partido difícil para nós. Enfrontámonos ao peor rival posible para a xornada 42, xogándose o título porque é un equipo que encaixa moi pouco, que ten moita capacidade para ter o balón, para escondelo, co cal é moi difícil facerlles ocasións de gol", tal e como subliñou Óscar Gilsanz na sala de prensa.

Con este resultado, Os Nosos acaban a competición con 53 puntos na 15ª posición mentres que os ilicitanos ascenden a LaLiga EA Sports.

A tarde en ABANCA-RIAZOR foi de emocións.

O OAR Coruña saltou ao céspede coa Copa de ascenso á División de Plata e recibiu o agarimo de #ANOSAFORZA.

ABANCA-RIAZOR tivo a oportunidade de despedir a Pablo Martínez e Jaime, dúas dos capitáns do equipo, que deixan o Club a final de temporada. Ambos, titulares hoxe, recibiron unha camiseta enmarcada de mans dos conselleiros Benito Couceiro e Marta Fernández Currás.

E no descanso, Suso Méndez, utilero do RC Deportivo durante 40 anos, dixo adeus ao seu labor no Club.

O cadro fíxolle o corredor, foi ovacionado pola bancada e Carlos Ballesta fíxolle entrega dunha camiseta enmarcada.

Foron baixa para o partido os lesionados Dani Barcia, Mella, Ximo Navarro, Jose Ángel e Eddahchouri.

Óscar Gilsanz apostou de inicio polos canteiráns Guerrero, que debutou como titular a pasada fin de semana na Romareda, Diego Gómez e Kevin Sánchez, que se estreaba así en liga no once inicial.

Os ilicitanos, que se xogaban o ascenso directo, non deron lugar á sorpresa e sentenciaron o encontro con 3 goles na primeira media hora de partido, obra de Mourad, John C. e Germán.

Antes de chegar ao descanso, Germán salvou o cuarto do Elche CF ao deter na mesma raia de gol unha cabezada de Nico na área pequena, libre de marca.

Con 0-3 acabou a primeira metade. "Non estivemos mal na presión cando iamos home a home para buscar duelos" opina o preparador deportivista e laméntase que "os 3 ou 4 primeiros remates foron goles. 0-3 e o partido xa non ten ningún tipo de historia a partir de aí", explicou o adestrador do Dépor.

Após o paso polos vestiarios, Óscar Gilsanz moveu o banco. Yeremay, Obrador e Denis Genreau relevaron a Guerrero, Escudero e Villares.

A pesar dos cambios, o partido transcorreu nunha pelexa en mediocampo sen ocasións.

Tan só unha galopada de Yeremay que quedou sen ángulo de tiro e un disparo de Genreau raso rozando o pau esquerdo da meta de Dituro foron as únicas opcións deportivistas para achegarse no marcador.

O Elche CF despediuse de LaLiga Hypermotion cun cuarto gol obra de Pedro Bigas entre o delirio do milleiro de afeccionados ilicitanos.

Deportivo: Germán, Petxarroman, Jaime, Pablo Martínez (Pablo Vázquez, min. 72), Escudero (Obrador, min. 54), Patiño, Villares (Genreau, min. 54), Diego Gómez, Mario Soriano (Hugo Rama, min. 78), Guerrero (Yeremay, min. 54) e Kevin

Elche CF: Dituro, John, Bigas, Óscar Plano (Josan, min. 84), Nico (Mario Gaspar, min. 88), Febas, Álvaro Núñez, Mourad (Agustín Álvarez, min. 69), Germán (Salinas, min. 69), Nico Castro (Marc Augado, min. 84) e Affengruber

Árbitro: Sesma Espinosa, do comité rioxano. Amoestou a Escudero (min. 19), Diego Gómez (min. 36), Febas (min. 44) e Bigas (min. 76)

Goles: 0-1 Mourad (min. 3); 0-2 John C. (min. 25); 0-3 Germán (min. 32); 0-4 Bigas (min. 89)

Incidencias: partido correspondente á 42ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 19.428 espectadores