RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor, "coa maior profesionalidade posible", mídese este xoves á UD Sámano en Castro Urdiales na primeira rolda de Copa del Rey

O Dépor encara a primeira eliminatoria da Copa del Rey este xoves 30 de outubro ás 21:00 horas (TVG) no campo de Riomar de Castro Urdiales ante a UD Sámano de Segunda Federación.

Antonio Hidalgo asegura que o encontro ten "a importancia de competir, de defender o escudo ao que representamos".

Vaticina rotacións no once inicial: "Xogadores que veñen participando menos seguramente terán ganas de xogar, de demostrar que están preparados. Así o demostran nos adestramentos".

Conclúe o técnico deportivista que Os Nosos encaran a eliminatoria "coa maior enteireza posible, coa maior profesionalidade porque vai ser un partido moi complicado".

O equipo realizou esta chuviosa mañá unha última sesión de traballo no campo 2 do Dépor Training Center consistente nunha activación, un xogo de posición e un último repaso ao plan de partido.

Estiveron con adestramento personalizado Ximo Navarro, Escudero e Daniel Bachmann.

Pola súa banda, Hugo Ríos, Íker Vidal, Fabi, Bil e Pablo García foron os representantes de ANOSACANTEIRA.

Advirte Antonio Hidalgo respecto dos canteiráns en Castro Urdiales que "podes pór 4 pero arríscasche moitísimo a que se se produce unha expulsión perdes o partido. Podes ter 3. Contamos aí con Rubén".

Indica que "eles están preparados. Están a facer unha gran campaña, cun gran inicio. E para iso están, para axudarnos neses momentos, especialmente na zona de atrás".

Pola súa banda, a UD Sámano, que vén de perder en liga co Real Ávila CF (3-2), é 16º con 5 puntos.

O Club cualificou o choque como "histórico" nas súas redes sociais e prepara unha festa nos prolegómenos para os seus afeccionados na chaira exterior do campo de Riomar.

Haberá desde as 17:00 comida, bebida e música en directo, con recibimento incluído aos seus futbolistas.

Até as 21:00 horas deste mércores pódense adquirir localidades ao prezo de 23 euros (tribuna cuberta) e 20 euros (bancada descuberta) na rúa Cantón da Rúa nº 1 (almacén 27) de Castro Urdiales.

Esta tarde, os convocados por Antonio Hidalgo parten de viaxe en avión a Bilbao, cuartel xeral branquiazul.

O próximo adestramento do Dépor será este venres 31 de outubro ás 11:00 en Lezama.