O Dépor, que suma xa 8 partidos sen coñecer a derrota, recibe este domingo 20 de abril (LaLiga TV Hypermotion) ao CD Tenerife no segundo encontro consecutivo en ABANCA-RIAZOR ás 21:00 horas após o do Cádiz CF o pasado 6 de abril; e á espera dun terceiro o 4 de maio ante o Albacete Balompié.
Após o empate(2-2) en Anduva da pasada fin de semana, Os Nosos chegan con 49 puntos na 11ª posición da táboa.
Óscar Gilsanz presume de que o equipo "ten esa estabilidade para pelexar os partidos en diferentes situacións. Agora volvemos a ABANCA-RIAZOR. O equipo ten esa ansia de devolver a #ANOSAFORZA todo o que nos dá cada día".
Cre que "chegamos nese momento no que o equipo cre moito en si mesmo e cre en que sexamos capaces de devolverlle á xente o que nos dá cada día en ABANCA-RIAZOR porque os equipos moitas veces xogamos por algo máis importante que eses 3 puntos, por algo máis importante que sumar 1 punto ou 3, senón polo orgullo da nosa xente; porque cando veña a ABANCA-RIAZOR salga orgullosa do noso equipo".
Confesa ter esa sensación de que "os xogadores van saír ao campo mañá coa sensación de dar un pouco máis, ir cada día a máis para que en ABANCA-RIAZOR devolverlle á nosa xente ese orgullo polos seus xogadores".
Causan baixa para o encontro Gauto, Dani Barcia, Ximo Navarro e Escudero, que se adestra co grupo de maneira condicionada ao seu proceso de recuperación.
Preguntado por Obrador esta mesma mañá, o técnico deportivista apuntou que "fixo a semana con certa normalidade. Somos optimistas de que poida entrar na convocatoria. Non se se ao 100% pero si dispoñible".
Tampouco estará Jose Ángel, sancionado por acumulación de amoestacións: "Cando un xogador non pode ser da partida polo motivo que sexa sempre hai un compañeiro. Sempre os adestradores falamos do día a día, dos adestramentos, sobre todo para que con este tipo de situacións haxa confianza absoluta no xogador que poida entrar sexa Nuke Mfulu ou outro xogador", afirma Óscar Gilsanz.
O Dépor, co fabrilista Mardones, realizou esta mañá un último adestramento no campo 3, baixo unha persistente choiva, consistente nunha activación con roldo, fútbol reducido e un ensaio das accións a balón parado.
Pola súa banda, o CD Tenerife, que a pasada fin de semana empatou (0-0) no Heliodoro Rodríguez López ante o Burgos CF, suma 32 puntos na 20ª posición.
Na primeira volta, disputado o 29 de xaneiro nun partido fixado inicialmente o 15 de decembro e que foi suspendido ese día polo temporal, houbo empate sen goles.
Lonxe do seu campo esta temporada os tinerfeños gañaron ao Sporting de Gijón (1-3); empataron co Cádiz CF (2-2), Racing de Ferrol (1-1) e Real Zaragoza (2-2); e caeron co CD Eldense (2-1), SD Eibar (1-0), CD Castellón (2-1), Granada CF (4-0), Real Oviedo (3-1), Albacete Balompié (2-1), Córdoba CF (3-0), SD Huesca (1-0), Burgos CF (1-0), Elche CF (2-0), Málaga CF (1-0), CD Mirandés (2-0) e Real Racing Club (2-1).
Álvaro Cervera, técnico do CD Tenerife, advirte que "para nós agora mesmo todos os partidos hai que gañalos. É coma se xogásemos todos os partidos en casa. Sabemos o risco que implica iso tamén. Non podemos pensar nas porcentaxes de vitorias que hai nos partidos fóra ou en casa. É gañalo e así imos transmitilo".
Finalizado o encontro, Os Nosos adestraranse de novo o luns 21 de abril ás 11:00 en Abegondo.