O Dépor empatou (1-1) esta noite en ABANCA-RIAZOR co Córdoba CF en partido "extremadamente igualado" tal e como manifestou en rolda de prensa Óscar Gilsanz.
Con este resultado, Os Nosos suman 40 puntos na 10ª posición de LaLiga Hypermotion.
Foron baixa para o partido por lesión Escudero e Gauto, este a consecuencia dunha lesión muscular no recto femoral da súa perna dereita con afectación do tendón central que o terá varias semanas de baixa.
Óscar Gilsanz repetiu o mesmo once que o pasado domingo se impuxo no Estadio Carlos Tartiere ao Real Oviedo.
Pola súa banda, o Córdoba CF presentábase en ABANCA-RIAZOR despois de 5 partidos consecutivos gañando fóra do seu estadio e 3 consecutivos en total.
Os andaluces, pletóricos de confianza, arrincaron ameazando á área de Helton Leite.
A primeira gran ocasión do partido chegou aos 15 minutos nun erro na saída do balón do Dépor que Álex Sala, só ante Helton Leite, non foi capaz de aproveitar. Rematou moi alto o cordobesista.
A seguinte tamén foi andaluza. Sintes cabecea un saque dunha falta na área rozando o pau esquerdo da meta deportivista.
Pouco despois, Jacobo remata un pase atrás pero taponou a defensa deportivista a saque de esquina. O remate do córner, obra de Del Moral, sácao con apuros o porteiro do Dépor.
Era máis perigoso o Córdoba CF neste tramo do partido. "Coa presión alta creábanos problemas, obrigábanos a xogar tres para tres arriba porque emparellaban co resto; co que nos obrigaba a balóns longos. A sensación era que estaban máis preto de xerar situacións", aclarou o técnico deportivista.
A mellor xogada do Dépor na primeira parte, cunha triangulación entre Mella, Mario Soriano e Ximo Navarro en banda dereita aos 41 minutos, acabou nun chute desviado do lateral deportivista, goleador en Oviedo o pasado domingo.
A dous minutos do descanso, Mario Soriano proba fortuna após un saque de esquina lanzado en curto. O seu disparo acabou no lateral da rede de Marín.
"Nós tivemos algunha pero faltou un pouco de precisión para enlazar algunha contra boa porque o Córdoba CF xoga ben ao fútbol pero gústalle as transicións; e aí nós manexámonos ben. Na primeira parte houbo algunha situación na que cun pouco máis de precisión tivésemos algunha ocasión clara", resumiu o preparador branquiazul.
Así se chegou ao descanso. "A primeira parte foi nosa", asegurou Iván Ania, técnico cordobesista, na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.
Nada máis pitar o árbitro o inicio da segunda metade, Yeremay mete un balón raso na área pero non atopa rematador. Ximo recolle no outro lado da área pero o seu centro sácao a defensa andaluza.
Adiantouse o Córdoba CF aos 49 minutos. Álex Sala recibe na frontal da área e coloca o balón no recanto esquerdo da meta de Helton Leite.
O tanto andaluz espoleó ao Dépor, que si empezou a apropiarse da pelota. "A reacción do equipo foi excelente", asegurou Óscar Gilsanz.
Eddahchouri, nunha longa xogada de ataque branquiazul, tentou unha chilena na área pequena pero o balón foise demasiado alto.
O dianteiro holandés empatou o partido ao empuxar á rede unha transición levada en velocidade por Yeremay en banda esquerda.
Yeremay case marca no minuto 65 despois doutra galopada. Salvou Marín nunha gran parada abaixo.
Mella téntao pola outra banda. De novo salva a zaga cordobesista. Eran os mellores momentos do Dépor.
"Ese ambiente que se viviu en ABANCA-RIAZOR co empate e co esforzo dos xogadores por apertar a un rival que con balón é bo déixame satisfeito", apuntou o adestrador do Dépor.
O Córdoba CF respondeu cun disparo de Carracedo desviado aos 67 minutos.
Óscar Gilsanz refrescou a sala de máquinas coa entrada de Genreau por Diego Villares, que ademais de cartolina amarela "tiña algunha pequena molestia".
Casas estivo a piques de pór de novo en vantaxe ao Córdoba despois dun saque de esquina que o Dépor non conseguiu despexar. O remate do dianteiro andaluz sacouno baixo paus Helton Leite.
Hugo Rama e Diego Gómez relevan a Mella e Mario Soriano en busca desa frescura en ataque.
No outro área, Rubén Alves saca baixo paus un novo remate de Yeremay que se coaba.
A última opción do Dépor para tentar quedar os 3 puntos foi un remate de Diego Gómez desviado.
Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador, Jose Ángel, Villares (Genreau, min. 72), Mella (Diego Gómez, min. 83), Mario Soriano (Hugo Rama, min. 83), Yeremay e Eddahchouri (Bouldini, min. 90)
Córdoba CF: C. Marín, Marvel, Álex Sala (Maguna, min. 80), Isma Ruiz, Jacobo Glez. (Theo, min. 80), Del Moral (Pedro Ortiz, min. 63), Sintes, Rubén Alves, Casas (Ander Yoldi, min. 80), Albarrán e Carracedo (Calderón, min. 70)
Árbitro: González Díaz, do comité asturiano. Amoestou a Villares (min. 11), Albarrán (min. 15), Rubén Alves (min. 58) e Calderón (min. 88)
Goles: 0-1 Álex Sala (min. 49); 1-1 Eddahchouri (min. 61)
Incidencias: Partido correspondente á 30ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 20.625 espectadores. Antes de comezar o encontro gardouse un minuto de silencio en memoria de David García de la Loma, árbitro de Segunda Federación; e dos ex xogadores branquiazuis Amador Carballo (ex xogador) e Miguel Picos (ex xogador)