O Dépor goleou por 5-1 ao Albacete Balompé en partido disputado por terceira vez consecutiva en ABANCA-RIAZOR un domingo ás 21:00 horas.
Óscar Gilsanz cre que o partido foi "de ida e volta produto do estilo de xogo dos dous equipos".
Con este resultado, Os Nosos suman 53 puntos na 10ª posición, coa permanencia en LaLiga Hypermotion confirmada matematicamente a falta de 4 xornadas.
Foron baixa os lesionados Dani Barcia, Gauto, Ximo Navarro e David Mella; ademais dos sancionados Denis Genreau, expulsado con vermella directa en Santander, e Mfulu, que recibiu o seu 5º cartón amarelo a pasada fin de semana.
O técnico deportivista introduciu até 3 cambios respecto ao pasado encontro en El Sardinero: Jaime entrou por Pablo Martínez, Cristian Herrera por Diego Gómez e Eddahchouri por Barbero.
Tamén foi novidade no banco despois de varios meses Escudero, recuperado da súa lesión no cóbado esquerdo.
O partido comezou con ritmo, con "dous equipos tentando atacar a través do balón, dous equipos que somos capaces de transitar con moi poucos pases e que facía que na primeira parte houbese ese ida e volta nas situacións de perigo".
Ao minuto de xogo xa xutou o Albacete, por mediación de Lazo, lixeiramente desviado; e aos 2 minutos o Dépor, grazas a Mario Soriano, moi alto.
Repetiu Eddahchouri alto aos 3 minutos noutra rápida transición deportivista.
Ao cuarto de hora, Pablo vaise do seu par, métese cara a dentro e dispara desde a frontal obrigando a Helton Leite a facer unha bonita parada.
O Dépor adiántase no marcador grazas ao talento de Yeremay. O canario conduce até a esquina da área e, rodeado de defensas, coa o balón no recanto dereito da meta de Raúl Lizoain.
Ao minuto seguinte empatou o Albacete. Jaime, no seu intento por despexar un centro de Pablo á área, mete o balón na súa propia portería.
"Non lle dei máis importancia á xogada", declarou Jaime na zona mixta.
No outro área, e após un saque de esquina ao segundo pau que cabecea Pablo Vázquez ao corpo do porteiro albaceteño Jaime é derrubado por un defensor ao recoller o rexeite. O colexiado valenciano Fuentes Molina decreta penalti que transforma de novo Yeremay.
O colexiado do encontro anulou, a instancias do VAR, o segundo gol do Albacete, obra de Martón, por fóra de xogo posicional dun compañeiro.
As últimas do primeiro tempo foron para Morci, cuxo disparo sacouno a córner Helton Leite; e para Yeremay, ás mans de Raúl Lizoain.
Após o paso polos vestiarios, Eddahchouri amplía a vantaxe do Dépor. O holandés recibe ao espazo, métese na área, recorta cara a dentro e bate a Raúl Lizoain.
Con espazos, o Dépor seguiu creando perigo. Cristian Herrera, en semifallo, obriga ao porteiro manchego a despexar a saque de esquina. Corría o minuto 53.
Mario Soriano tivo a súa no 53 pero o seu remate na área márchase fóra por pouco após tocar nun defensor do Albacete Balompié.
Eddahchouri non perdoou no minuto 61 no segundo pau após pase milimétrico de Yeremay noutra rápida transición do Dépor.
O colexiado volveu a anular por fóra de xogo de Martón un segundo tanto ao Albacete que serviu de preámbulo ao quinto branquiazul, obra de Barbero após recibir só na área de Petxarroman noutra rápida transición deportivista.
En pleno festival branquiazul, Yeremay tivo dúas claras ocasións para facer o sexto.
O partido acabou de forma plácida con minutos para Hugo Rama e Charlie Patiño no medio da alegría da bancada.
Deportivo: Helton Leite, Petxarroman, Pablo Vázquez, Jaime, Obrador (Patiño, min. 80), Villares, Jose Ángel, Cristian Herrera (Diego Gómez, min. 65), Mario Soriano (Hugo Rama, min. 79), Yeremay (Tosic, min. 80) e Eddahchouri (Barbero, min. 65)
Albacete Balompié: Raúl Lizoain, Riki (Agus Medina, min. 80), Lazo (Kofane, min. 64), Javi Villar, Martón, Pacheco, Pablo S. (Fidel, min. 64), Morcillo (Juanma, min. 64), Costa, Lalo e Javi Rueda (Álvaro R., min. 80)
Árbitro: Andrés Fuentes Molina, do comité valenciano. Amoestou a Rueda (min. 34) e Agus Medina (min. 90)
Goles: 1-0 Yeremay (min.27); 1-1 Jaime, en propia meta; Yeremay, de penalti (min. 33); 3-1 Eddahchouri (min. 47); 4-1 Eddahchouri (min. 61); 5-1 Barbero (min. 71)
Incidencias: partido correspondente á 38ª xornada en LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 15.459 afeccionados. Gardouse un minuto de silencio en memoria de José Mañana, fundador da primeira sección feminina do Dépor