RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor suma un punto en "un partido moi difícil de xogar" ante unha SD Huesca "co mellor contraataque da categoría"

O Dépor empatou sen goles ante a SD Huesca en ABANCA-RIAZOR en partido correspondente á 28ª xornada en LaLiga Hypermotion.

Óscar Gilsanz valora o punto sumado en "un partido moi difícil de xogar" ante un rival que acumula 13 encontros sen perder e que ten "o mellor contraataque da categoría". "Tiñamos que minimizar esa situación e que non aproveitase o noso xogo. Niso estivemos moi ben", destacou o técnico deportivista.

Con este resultado, Os Nosos suman 36 puntos, situados na 13ª posición.

O Dépor puido contar con todo o seu cadro salvo Escudero.

O choque arrincou cunha sinxela homenaxe no céspede a Mario Soriano, que cumpriu 100 partidos oficiais como xogador do Dépor.

O mediapunta madrileño recibiu unha camiseta enmarcada para festexar esta cifra de mans do conselleiro Carlos Ballesta.

Respecto ao encontro do pasado domingo en Elda, Óscar Gilsanz introduciu un cambio: Dani Barcia, recentemente renovado polo Dépor até 2028, entrou no centro da zaga por Pablo Martínez. "Criamos que era un partido no que iamos ter balón e teriamos que defender a velocidade de Soko e de Gerard Valentín nese espazo", xustificou o preparador do Dépor.

Pola súa banda, a SD Huesca dos ex deportivistas Hugo Vallejo e Gerard Valentín, presentábase en ABANCA-RIAZOR na 4ª posición, a 3 puntos do liderado.

O Dépor estivo a piques de adiantarse no marcador a balón parado. De feito fíxoo. Aos 7 minutos Eddahchouri é obxecto de falta na banda esquerda. O saque á área remátao no segundo pau á rede Pablo Vázquez nunha acción pura de dianteiro. O colexiado, Arcediano Monescillo, anulou o tanto previa revisión no VAR por considerar que se apoiou no brazo no remate inicial.

"Non a vin pero se o VAR decide, que vou dicir eu? Acatar a decisión", afirmou o adestrador deportivista.

Aos poucos, os branquiazuis comezaron a apropiarse da pelota.

Eddahchouri fíxose cun oco para disparar desde a frontal raso e axustado ao pau esquerdo de Dani Jiménez.

Ao outro pau disparou no minuto 29 Mario Soriano, tamén fóra por moi pouco.

Apenas chegaba a SD Huesca aos dominios de Helton Leite.

Outra boa triangulación após un saque de esquina entre Mario Soriano, Dani Barcia e Yeremay acaba nun remate do canario ao que responde Dani Jiménez co pé. Corría o minuto 36.

O partido era do Dépor ante unha SD Huesca descaradamente replegada no seu campo.

Cun bo traballo dos Nosos chegouse ao descanso, aínda que sen reflexo no marcador.

A segunda metade arrincou cunha boa transición do Dépor. O balón, centrado raso desde a esquerda por Mella, non chegou a Eddahchouri, que estaba en boca de gol, taponado por un defensa oscense.

A ocasión máis clara da SD Huesca foi para Javi Hernández, que relevou a Sergi Enrich após o paso polos vestiarios. Nun erro na zaga deportivista, o único en todo o partido, o dianteiro plántase só ante Helton Leite, que lle gaña no man a man e logra desviar a pelota.

Yeremay puido marcar no minuto 68 pero o seu chute, moi colocado, sácao Dani Jiménez a saque de esquina.

Noutra gran combinación entre Mella, Soriano e Yeremay, o canario xuta ao pau dereito da meta de Dani Jiménez. No rexeite do pau non logra empuxalo á rede Eddahchouri.

A última para a SD Huesca e practicamente do partido foi un disparo de Joaquín na área que se foi rozando o poste dereito da portería de Helton Leite.

Óscar Gilsanz tentou nos minutos finais "facer algo para ter a enerxía que tivemos nos 85 minutos anteriores" con Mfulu, Diego Gómez e Gauto. "Vía ao equipo ben, que estaba a ser superior, xerando ocasións... Parecíame que os que estaban no campo estaban a facer un bo partido", apuntou o preparador branquiazul preguntado na sala de prensa polo minuto deste triplo cambio.

A pesar diso, o partido acabou sen goles.

Deportivo: Helton Leite, Ximo Navarro, Pablo Vázquez, Dani Barcia, Obrador, Jose Ángel (Mfulu, min. 89), Villares (Gauto, min. 89), Mario Soriano, Mella, Yeremay (Diego Gómez, min. 89) e Eddahchouri (Barbero, min. 81)

SD Huesca: Dani Jiménez, Rubén Pulido (Toni Abad, min. 18), Gerard Valentín (Miguel Loureiro, min. 81), Sergi Enrich (Javi Hernández, min. 46), Hugo Vallejo (Joaquín, min. 65), J. Pulido, Blasco, Soko, Vilarrasa, Kortajarena (Jordi Martín, min. 65) e Sielva

Árbitro: Arcediano Monescillo, do comité castelán-manchego. Amoestou a Villares (min. 23), Dani Jiménez (min. 75), Jordi Martín (min. 80), Miguel Loureiro (min. 87) e Óscar Sielva (min. 90)

Incidencias: partido correspondente á 28ª xornada de LaLiga Hypermotion disputado en ABANCA-RIAZOR ante 20.875 espectadores. Gardouse un minuto de silencio en memoria de Santos Bedoya, ex xogador do Club entre 1965 e 1967; e unha moza colexiada, Raquel, leu un manifesto contra o odio no fútbol