RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

O Dépor tira de talento para sumar 3 puntos en Zaragoza despois de "unha semana dura a nivel mental"

O Dépor retomou a competición de liga este domingo 2 de novembro cun triunfo por 0-2 no Ibercaja Estadio ante o Real Zaragoza e concluíu así un longo desprazamento, con Copa incluída o pasado xoves en Castro Urdiales ante a UD Sámano.

Resolveron o partido un golazo de Mario Soriano polo recanto e outro de Mella após unha gran acción individual de Yeremay.

En rolda de prensa, Antonio Hidalgo recoñeceu que a semana foi "dura a nivel mental. Tiñamos Copa e liga que sacar adiante pola xeira da que viñamos. As sensacións non eran as mellores. No último partido (ante o Real Valladolid en ABANCA-RIAZOR) atopamos 1 punto no último minuto e sabiamos que tiñamos que mellorar moitísimas cousas".

Con este resultado, Os Nosos suman 20 puntos e ocupan a 4ª posición en LaLiga Hypermotion

Foron baixa para o encontro Ximo Navarro, Escudero, Bachmann e Mulattieri, que quedou fóra da convocatoria por precaución por unha leve molestia nun adductor.

Respecto ao italiano, o preparador branquiazul indica que "tivo unhas molestias despois do partido (do Valladolid). Pensabamos que non era demasiado. Por iso pensamos deixarlle fóra da convocatoria. No adestramento pospartido da UD Sámano non tiña boas sensacións e onte tampouco. Esperamos até o final para ver como se atopaba. Falamos con el e non se atopaba ben do todo. Tiña unha sensación rara. Imos facerlle probas e ver o alcance. Non parece moito pero son días que necesitas xogadores a tope".

Damián Canedo, que se incorporou o pasado venres á expedición branquiazul, foi o representante de #ANOSACANTEIRA.

En fronte estaba un Real Zaragoza do ex deportivista Pablo Insua que, con 6 puntos, chegaba ao choque na 22ª posición de LaLiga Hypermotion.

Ambos os equipos superaron esta mesma semana a primeira rolda copeira ante rivais de Segunda Federación: o Dépor en Castro Urdiales ante a UD Sámano e o Zaragoza en Mutilva ante a UD Mutilvera.

O partido empezou con dominio da pelota para o Dépor aínda que no primeiro disparo a porta zaragocista, o colexiado do encontro anulou un gol a Guti por fóra de xogo de Cuenca. Non fixo falta nin acudir ao VAR.

Respondeu Mella aos 6 minutos cun lanzamento raso desde a frontal que Rodríguez enviou a saque de esquina.

O posterior rexeite da defensa caeu en Mario Soriano, que non precisou a súa volea desde a frontal.

Repetiu Mario Soriano aos 14 minutos nun disparo raso axustado ao pau esquerdo. Rodríguez desviou a pelota.

Dous minutos máis tarde, Loureiro, no segundo pau, remata de volea fóra por pouco.

Aos 20 minutos, Yeremay tenta colocar un balón no recanto esquerdo do Zaragoza. Márchase fóra por pouco o intento do canteirán, que recibira de Mella.

Tivérona os locais aos 25 minutos pero Toni Moya falla un man a man ante Germán, que desbaratou a oportunidade, a máis clara até ese momento do equipo de Rubén Selles.

Eddahchouri, aos 37 minutos, non cabeceou a portería un bo centro de Yeremay por banda esquerda.

O balón seguiu sendo do Dépor ante un Zaragoza, angustiado pola clasificación, replegado no seu campo esperando unha contra.

A primeira metade acabou cunha clara ocasión deportivista nunha transición de Yeremay. O balón cae no segundo pau a Mario Soriano pero un defensa zaragocista interpúxose para desviar a saque de esquina un balón que xa se coaba.

"Fomos superiores ao rival aínda que sen crear ocasións excesivamente claras pero chegando, tendo posesión, con esa calma e esa pausa que seguramente nos faltou outros días", apuntou o técnico deportivista.

Após o paso polos vestiarios, saíu o Zaragoza apertando máis arriba nos primeiros minutos. 

Toni Moya dispara lixeiramente alto no minuto 48 desde a frontal da área.

Con todo Mario Soriano adiantou ao Dépor no minuto 53. Nunha falta lateral, cando todos esperaban un centro á área, Yeremay saca en curto ao madrileño que se vai cara ao centro e mete o balón no recanto esquerdo da portería de Rodríguez.

Tratou de empatar rápido o Zaragoza en varios remates, como o de Valery, demasiado alto.

Na outra área, Eddahchouri cabeceou frouxo un centro de Quagliata desde a esquerda. Parou Rodríguez sen maiores problemas.

Antonio Hidalgo move o banco. Stoikchkov releva a Eddahchouri na punta de ataque.

O Dépor ampliou vantaxe no minuto 72 cando máis apertaba o Zaragoza.

Yeremay márchase por velocidade de Gomes desde mediocampo, chega á liña de fondo, pasa atrás de tacón e Mella bate a Rodríguez.

O preparador branquiazul resaltou ante os medios "o talento que temos, con xogadores diferenciais" para romper o partido.

A partir de aí o Zaragoza tentou meterse no partido con máis corazón que cabeza e o Dépor apenas pasou apuros para manter o resultado.

Antonio Hidalgo destacou que "soubemos ler o partido, aguantar eses momentos do Zaragoza que che esmaga e estou moi contento polos rapaces, por crer".

Real Zaragoza: Rodríguez, Insua, Soberón (Vazdar, min. 67), Toni Moya, Raúl Guti (Kodro, min. 67), Francho, Pomares, Aguirregabiria (Sebastián, min. 82), Valery (Paulino, min. 82), Cuenca (Pau Sans, min. 35) e Gomes

Deportivo: Germán, Lucas Noubi, Arnau (Dani Barcia, min. 78), Loureiro, Quagliata, Gragera, Villares, Mella, Mario Soriano (Luismi, min. 78), Yeremay (Cristian Herrera, min. 87) e Eddahchouri (Stoichkov, min. 66)

Árbitro: Saúl Ais Reig, do comité valenciano. Amoestou a Soberón (min. 21) e Arnau (min. 68)

Goles: 0-1 Mario Soriano (min. 53); 0-2 Mella (min. 72)

Incidencias: partido correspondente á 12ª xornada disputada no Ibercaja Estadio. Ao comezar gardouse un minuto de silencio por Jorge Casado, xogador cadete do Real Zaragoza recentemente falecido