Despois de dúas vitorias consecutivas fose de casa, en Astillero e Astorga, o Fabril regresou ao campo Arsenio Iglesias este sábado 11 de outubro con triunfo por 2-0 ante o UP Langreo, en partido correspondente á 6ª xornada no grupo 1º de Segunda Federación.
Con este resultado, os fabrilistas lideran a clasificación con 18 puntos de 18 posibles.
Manuel Pablo non puido contar con 3 futbolistas que levou Antonio Hidalgo co Dépor a Málaga: Hugo Ríos, Samu e Quique Teijo.
Pola súa banda, o UP Langreo, que a pasada fin de semana empatou no seu campo (2-2) co Rayo Cantabria após recibir un gol de penalti no minuto 93, chegaba en situación delicada con 3 puntos.
Despois duns primeiros minutos de tenteo chegou o primeiro arreón fabrilista.
Nájera, no minuto 14, xuta desde fóra da área lixeiramente desviado.
Case ao minuto seguinte, Bil obriga á meta asturiano Torre a facer unha gran parada. O dianteiro branquiazul recolleu un balón solto ao bordo da área e entre un bosque de pernas engancha un gran disparo que salvou o xogador do UP Langreo.
Á saída do córner, de novo Bil, rodeado de defensas, cabecea lixeiramente alto.
Tentou o UP Langreo achegarse aos dominios de Brais. Maya xutou frouxo ás mans do porteiro coruñés.
Pasada a media hora, Fabi disparou ás mans de Torre após unha boa recuperación de Noé.
Aos 35 minutos, Nájera desvía un chute raso de Mane. O balón márchase preto do pau dereito da portería do UP Langreo.
O Fabril dominaba o encontro e gozaba das mellores opcións en ataque.
No minuto 38 adiantouse o Fabril grazas a un dos dianteiros de moda na categoría, Nsongo Bil.
Nájera conduce unha transición, márchase de varios defensores, abre a Mane, que colga o balón na área e Bil imponse ao seu defensor e cabecea o balón lonxe do alcance de Torre.
Xusto premio ao despregamento ofensivo do Fabril.
O futbolista máis perigoso da UP Langreo, René, entrou na área fabrilista e xutou raso desviado. Corría o minuto 43.
Pablo García protagonizou unha gran cabalgada de máis de 50 metros que acabou nos pés de Mane. O atacante fabrilista rematou moi alto após entrar na área.
A última da primeira parte foi para Fabi. Foise con calidade do seu defensor e disparou pegado ao recanto dereito de Torre.
Con esta nova oportunidade para o Fabril concluíu a primeira metade.
Após o paso polos vestiarios o partido seguiu coa mesma tónica: dominio fabrilista ante un rival incapaz de pór en apertos a Brais Suárez.
O partido quedou sentenciado no minuto 66. Quique Fernández saca un córner ao primeiro pau e Bil adiántase ao seu par e logra o segundo do Fabril, 2º na súa conta particular e o 7º da temporada que o sitúa na cabeza dos goleadores do grupo.
Con este marcador, e dada a superioridade branquiazul, Manuel Pablo refrescou ao equipo coa entrada de futbolistas que, segundo apuntou o técnico do Fabril na rolda de prensa previa, "están a adestrar moi ben. Temos un cadro longo e todos os que subiron do Xuvenil A este ano teñen ese período de adaptación. A nivel de adestramentos estamos contentos con eles. A través do día a día esixímoslles que dean un nivel alto para cando decidamos que entren fagan bo papel". Domínguez, Dipanda, Pablo Cortés, Héctor Areosa e Vilela foron os elixidos nesta ocasión.
Precisamente un dos homes que saíu do banco, Dipanda, tivo o terceiro nas súas botas. Plántase ante Torre e estrela o balón no poste dereito da meta asturiana. Corría o minuto 83.
O partido non deu para máis e cun xusto marcador de 2-0 chegouse ao final do encontro.
O vindeiro domingo 19 ás 16:45, o Fabril visita ao CD Lealtad de Villaviciosa.
Fabril: Brais, Pablo García, Aarón (Vilela, min. 77), Damián Canedo, Íker Vidal, Enrique Fernández, Noé, Nájera (Pablo Cortés, min. 70), Fabi (Dipanda, min. 70), Mane (Domínguez, min. 62) e Bil (Héctor Areosa, min. 77)
UP Langreo: Torre, Menéndez, David Amez (Lucas, min. 46), Sergio Orviz, Guerrero, Juan López, René, Ojeda (Liam López, min. 61), Maya (Pablo Pérez, min. 56), Iván González (Samu Pérez, min. 56) e Nacho López (Zapico, min. 76)
Árbitro: Luis Fernando Alonso, do comité castelán-leonés. Amoestou a Ojeda (min. 27), Aarón (min. 28), Lucas (min. 65), Nacho López (min. 66), Íker Vidal (min. 73) e Pablo Pérez (min. 81)
Goles: 1-0 Bil (min. 38); 2-0 Bil (min. 66)
Incidencias: partido disputado no campo Arsenio Iglesias
