RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
FABRIL

Primeira derrota do Fabril en liga nun partido ante o Oviedo Vetusta "no que nos faltou un pouco de claridade en ataque"

O Fabril e o Oviedo Vetusta protagonizaron este sábado 25 de outubro o mellor partido que se pode presenciar agora mesmo no grupo 1º de Segunda Federación.

O líder do grupo, con 19 puntos de 21 posibles, recibía ao segundo, con 15 puntos. Ademais, ambos os equipos non coñecían a derrota.

Caeron pola mínima (0-1) os fabrilistas grazas a un golazo do ovetense Joaquín por todo o recanto no minuto 58.

"Faltounos en ataque un pouco de claridade pero estaba moi igualado o partido", admitiu Manuel Pablo na rolda de prensa pospartido.

A pesar do resultado, o Fabril segue líder agora con 1 punto de vantaxe sobre o Oviedo Vetusta.

No filial foron baixa Noé, Hugo Torres, Manu Ferreiro e Rubén.

Con todo, si xogaron, e de titulares, futbolistas que esta semana se adestraron con Antonio Hidalgo no primeiro equipo, como Hugo Ríos, Samu e Fabi.

Os primeiros minutos foron de moita igualdade, con achegamentos nas dúas áreas e un ritmo alto de xogo, aínda que sen oportunidades claras.

O filial deportivista tivo a Fabi como o seu principal estilete, sobre todo en disparos desde a frontal da área.

A mellor oportunidade fabrilista chegou ao bordo do descanso. Bil recibe ao bordo da área pequena, xuta á media volta rodeado de defensores e Miguel Narvaéz consegue sacar con moitos apuros.

Con 0-0 e igualdade máxima chegouse ao descanso no campo Arsenio Iglesias.

"Eles fan as cousas ben, quitáronnos o balón e obrigáronnos a correr nas súas transicións", resumiu Manuel Pablo.

Após o paso polos vestiarios, Domínguez relevou a Mane.

O partido seguiu coa mesma tónica até o minuto 58.

Nunha contra, Joaquín recibe na frontal e coa o balón no recanto esquerdo da portería de Hugo Ríos.

"O gol chegou cando menos esperabámolo", apuntou o preparador fabrilista, que admitiu que "se cha pon aí desde fóra da área, só hai que felicitarlle".

Respondeu o Fabril 2 minutos despois cun remate de Garrido que se marcha lixeiramente desviado.

Manuel Pablo dá entrada a Pablo García e Dipanda por Quique Teijo e Garrido.

O Fabril fíxose co dominio territorial do partido en busca do empate.

"Eles co resultado a favor deron un paso atrás, pecharon moitas liñas, non nos deixaban situacións por dentro, tivemos por circular rápido e era difícil", apuntou o adestrador do Fabril.

Tívoo Fabi nas súas botas no minuto 84. Partindo desde a esquerda métese na área sorteando canto rival saía ao seu paso pero o seu disparo márchase alto.

O Oviedo Vetusta puido ampliar a distancia noutra contra que culminou Coballes e que desviou Hugo Ríos.

A última do encontro foi un duro disparo de Bil que o porteiro ovetense Miguel Narváez desvía a córner con moitos apuros.

Aínda por riba, Samu viu no longo desconto o seu segundo cartón amarelo e xa con 10 xogadores non houbo opción de tentar polo menos rescatar un punto.

O vindeiro sábado 1 de novembro ás 16:30 a Fabril visita ao UD Ourense no Couto.

Fabril: Hugo Ríos, Quique Teijo (Pablo García, min. 66), Samu, Damián Canedo, Íker Vidal, Garrido (Dipanda, min. 66), Quique Fernández, Fabi (Héctor Areosa, min. 88), Nájera (Pablo Cortés, min. 79), Mane (Domínguez, min. 46) e Bil

Oviedo Vetusta: Miguel Narváez, Adri Fernández (Maza, min. 76), Marco Esteban, Tejón, Castri (Lucas Antañón, min. 67), Dieguito, Omar Falah, Joaquín (Coballes, min. 76), Guille Berzal (Yahaya, min. 88), Espi e Enzo (Cheli, min. 67)

Árbitro: Guillermo García Presa, do comité castelán-leonés. Amoestou a Samu Fernández (min. 20 e 90+4), Bil (min. 67), Kike Fernández (min. 69), Joaquín (min. 70) e Lucas Antañón (min. 76)

Goles: 0-1 Joaquín (min. 58)

Incidencias: partido da 8ª xornada disputado no campo Arsenio Iglesias