RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Primeira derrota do Dépor en liga após "un partido moi intenso" en La Rosaleda

O Dépor comezou este domingo 12 de outubro en La Rosaleda cunha derrota por 3-0, a primeira da temporada, un periplo de dous partidos consecutivos lonxe de ABANCA-RIAZOR, en Málaga esta fin de semana e en Santander o vindeiro domingo 19.

En rolda de prensa pospartido Antonio Hidalgo definiu o partido ante os andaluces como "moi intenso".

Con este resultado, Os Nosos quedan con 16 puntos na 2ª posición, cos mesmos puntos que o Real Racing Club, 3º.

Causaron baixa por diversas circunstancias até 4 futbolistas. En primeiro lugar, David Mella e Lucas Noubi están coas súas seleccións nacionais.

No caso do canteirán, chega este luns 13 á Coruña despois de caer no Mundial sub-20 de Chile en cuartos de final.

Lucas Noubi aínda ten que xogar outro partido con Bélxica sub-21 clasificatorio para o Europeo da categoría, este martes 14 ante Dinamarca.

Tampouco estiveron os lesionados Daniel Bachmann e Ximo Navarro, con varias semanas por diante para a súa recuperación.

Así pois houbo movementos no once.

Ademais, Quagliata, que onte adestrou con normalidade no PFC Costa del Sol de Cártama na última sesión previa ao encontro, quedou fóra por molestias nunha cadeira. Escudero, a súa substitución natural, ocupou o seu posto no carril zurdo.

O adestrador barcelonés explicou que o italiano "notou unhas molestias faltando 2 ou 3 días para o partido. Onte adestrou e non se atopaba demasiado ben. Era innecesario ese risco a estas alturas"; e valorou o "esforzo enorme por estar, por axudar" de Escudero.

Antonio Hidalgo resolveu a dúbida do lateral dereito (sen Ximo nin Lucas) con Loureiro. "Fixo esa posición moito tempo na súa carreira, comigo tamén a fixo", comentou na rolda de prensa previa o pasado venres no Dépor Training Center. Isto levou a entrada de Arnau Comas no centro da zaga.

A maiores, Gragera, superada a súa lesión, entrou por Patiño no mediocentro. "Fixo uns bos minutos. Vaille a vir moi ben porque levaba moito tempo parado", opinió o técnico do Dépor.

Finalmente Eddahchouri relevou a Mulattieri na punta de ataque.

Hugo Ríos, Samu e Quique Teijo foron os representantes de #ANOSACANTEIRA na convocatoria de La Rosaleda.

Pola súa banda, o Málaga CF do ex técnico do Fabril Sergio Pellicer, que a pasada fin de semana caía por 3-0 en Santander, chegaba ao choque con certo abafo na clasificación: 19º con 8 puntos.

Arrincou o partido o conxunto malagueño de maneira trepidante. Larrubia, que cumpría 100 partidos co seu equipo, xutaba desviado aos 24 segundos. E iso que sacou de centro o Dépor.

Dani Sánchez probou fortuna aos 3 minutos desde a frontal. Atrapou Germán ben colocado.

Adiantouse o Málaga CF aos 8 minutos. Joaquín vaise de Loureiro por banda esquerda e mete un balón ao centro que Chupe empuxa á rede.

O técnico deportivista admitiu que "seguramente eles saíron mellor que nós, cunha intensidade alta. Atopáronse co gol pronto polo seu estado de necesidade. O estadio empuxounos moitísimo".

Antonio Hidalgo cambia de pezas. Luismi pasa da dereita á esquerda e Yeremay centrou a súa posición.

Larrubia, de novo a centro de Dani Sánchez, rematou fóra por pouco aos 15 minutos.

O preparador do Dépor apuntou ante os medios que "a partir de aí fixémonos co control e con ocasións suficientes para facer gol. Non foi así".

Eddahchouri tivo o empate á xogada seguinte nun balón ás costas da defensa. Sacou Herrero co corpo no man a man.

Aos 20 minutos, un centro chute de Gragera obriga ao porteiro andaluz a despexar a córner con apuros.

Gragera cabecea un saque de esquina e de novo Herrero salva ao seu equipo cunha espléndida parada baixo paus. Corría o minuto 21.

Seguiu creando perigo o Dépor a balón parado. Loureiro, aos 28 minutos, cabecea outro saque de esquina ao que respondeu de novo a meta malagueño con acerto.

Golpeou de novo o Málaga CF á media hora. Nunha mala saída de balón do Dépor o balón chégalle a Chupe, que bate a Germán no man a man. O partido púñase costa arriba para os deportivistas.

Noutro arreón andaluz, e esporeado polo segundo gol, Dani Sánchez conduce outra transición que el mesmo finaliza cun chute desviado desde a frontal.

Puido meterse o Dépor no partido cun remate de Mario Soriano ao traveseiro despois dunha xogada de ataque protagonizada por el mesmo e Yeremay.

A 2 minutos do 45, Eddahchouri, estorbado polo seu defensor, non pode precisar coa cabeza un bo centro de Loureiro.

Con 2-0 chegouse ao descanso.

Após o paso polos vestiarios, Antonio Hidalgo deu entrada a Stoichkov por Villares.

Deu un paso adiante o Dépor, que aos 46 minutos xa disparou a porta. O remate raso de Mario Soriano sácao Herrero con moitísimos apuros.

Nesa xogada Luismi Cruz pediu man dun defensor andaluz. Carlos Muñiz non apreciou nada e nin sequera consultou esa man no VAR.

O Málaga CF aumentou a renda cun gol de Rafa R. Márchase de Gragera, entra na área e cruza o balón ante Germán.

Respondeu o Dépor con Eddahchouri, que se marcha da defensa e case sen ángulo coa o balón na portería do Málaga CF. 

O colexiado si acudiu ao VAR e anulou o gol por apreciar falta do dianteiro deportivista ao zafarse do seu par.

Aos 55 minutos, Luismi xuta lixeiramente alto nunha xogada encabezada por Yeremay.

Antonio Hidalgo relevou a Escudero por Rubén, que se situou no lateral zurdo.

Non acababa de carburar o Dépor.

Mulattieri e Patiño entraron por Luismi e Gragera para buscar un cambio de rumbo.

"É certo que abrín demasiado o partido. Foi coa intención de buscar un gol para poder seguir competindo e dentro do partido. Foron os nosos peores momentos", confesou Antonio Hidalgo.

Non houbo reacción e o Dépor dobrou o xeonllo por primeira vez nesta liga.

Nin sequera houbo acerto en dous man a man ante Herrero, un de Stoichkov e outro de Mulattieri. En ambos os casos nin sequera o balón chegou a coller portería.

O adestrador de Os Nosos, con pasado malaguista, quixo "felicitar ao Málaga CF, á súa xente, darlle as grazas polo trato que me dan e deséxolles o mellor".

Málaga CF: Herrero, Einar, Juanpe (Dotor, min. 70), Chupe (Jauregi, min. 85) Larrubia, Joaquín (Lobete, min. 58), Murillo, Dani Sánchez, Dani Lorenzo, Rafita (Gabilondo, min. 70) e Rafa R. (Darko, min. 58)

Deportivo: Germán, Loureiro, Arnau, Dani Barcia, Escudero (Rubén López, min. 55), Villares (Stoichkov, min. 46), Gragera (Patiño, min. 66), Luismi Cruz (Mulattieri, min. 66), Yeremay, Mario Soriano (Jose Ángel, min. 71) e Eddahchouri

Árbitro: Carlos Muñiz Muñoz, do comité aragonés. Amoestou a Loureiro (min. 17), Chupe (min. 44), Dani Barcia (min. 67) e Rubén (min. 90)

Goles: 1-0 Chupe (min. 8); 2-0 Chupe (min. 31); 3-0 Rafa R. (min. 48)

Incidencias: partido correspondente á 9ª xornada disputado na Rosaleda. Realizou o saque de honra a patinadora malagueña Natalia Baldizzone, recente campioa de Europa