RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
#OSNOSOS

Un Dépor con até 4 ausencias pero que "afronta as situacións como veñen" inicia este domingo 12 un periplo de dous partidos lonxe de ABANCA-RIAZOR

O Dépor comeza este domingo 12 de outubro ás 21:00 horas (LaLiga TV Hypermotion e Fútbol 2, dispoñible en DIGI TV e outras plataformas) en La Rosaleda ante o Málaga CF un periplo de dous partidos consecutivos lonxe de ABANCA-RIAZOR, en Málaga esta fin de semana e en Santander o domingo 19.

En rolda de prensa no Dépor Training Center, Antonio Hidalgo asegura que "só pensamos no partido seguinte. E logo seguiremos preparando o seguinte. En canto ao calendario logo nalgún momento cámbiase e tocarannos dous seguidos en ABANCA-RIAZOR. Hai que aceptalo como vén e non pensar moito máis".

Serán baixa por diversas circunstancias até 4 futbolistas. En primeiro lugar, David Mella e Lucas Noubi están coas súas seleccións nacionais.

Sobre o canteirán, asegura o técnico deportivista que o "boto moito de menos por como é, pola alegria que nos dá, polo que nos transmite. Está a facer un gran Mundial, gozando dunha experiencia única. Cando volva poderemos ter outro efectivo máis".

Ademais, tampouco estarán os lesionados Daniel Bachmann e Ximo Navarro.

Respecto diso o preparador branquiazul manifestou que "hai que afrontar as situacións como veñen. Durante o ano hai días ou partidos que as baixas se acumulan e a maioría de días tes moita xente dispoñible. Para iso está a xente que ten ganas de participar, de recambio, que nos vai a achegar moitísimo".

Espera un pronto regreso dos dous internacionais, "ou sexa que seremos dous efectivos máis nesas posicións que estamos un pouco máis coxos. Pero tamén está ANOSACANTEIRA, que tamén traballamos con ela. Tentaremos traballar con todo o que temos".

Antonio Hidalgo admitiu que Miguel Loureiro é un dos candidatos ao lateral dereito: "Fixo esa posición moito tempo na súa carreira, comigo tamén a fixo".

En calquera caso, subliña que a Os Nosos "fálolles moitísimo de estar alerta, de estar preparados porque nunca sabes cando pódeche tocar".

Os Nosos realizaron esta tarde un último adestramento nas instalacións do PFC Costa del Sol en Cártama, consistente nunha activación con rondos, fútbol reducido e finalizacións.

Pola súa banda, o Málaga CF, que a pasada fin de semana caeu por 3-0 en Santander, é 19º con 8 puntos.

No seu campo esta campaña os andaluces gañaron á Real Sociedad B (1-0); empataron coa SD Eibar (1-1) e Granada CF (2-2); e caeron co Cádiz CF (0-1).

O seu técnico, Sergio Pellicer, con pasado en ANOSACANTEIRA, afirmou en rolda de prensa que "demostramos que somos capaces de reverter a situación".

Cualifica ao Dépor como "agora mesmo o mellor equipo da categoría, co mellor xogador da categoría, co mellor adestrador da categoría e demostrouno".

Cre que é un equipo "moi ancho, moi profundo, moi longo, que se manexa en diferentes contextos de partido nos que necesita moi pouco para facerche dano. Sabe atacar a equipos pechados con poucos espazos e che envenena cando ten espazos polo perfil de xogadores que ten. Compite moi ben, os resultados están aí".

Finalizado o encontro, o Dépor pasa a noite en Málaga e regresa este luns 13 de outubro directo ao Dépor Training Center para realizar, sobre as 15:00, unha nova sesión de adestramento.