RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
O RC Deportivo sorteará entre os seus abonados as entradas para o partido ante o Málaga CF

DÉPOR · 18 AGOSTO 2026

O RC DEPORTIVO SORTEARÁ ENTRE OS SEUS ABONADOS AS ENTRADAS PARA O PARTIDO ANTE O MÁLAGA CF

Para esta viaxe, as localidades destinadas á afección deportivista asignaranse mediante un sorteo entre todas as solicitudes realizadas por persoas abonadas.

O RC Deportivo informa ás súas persoas abonadas do sistema de xestión das entradas destinadas á afección deportivista para o primeiro desprazamento da tempada.

Para o encontro ante o Málaga CF a asignación das entradas farase mediante un sorteo entre todas as solicitudes recibidas de persoas abonadas. Deste xeito, todas as persoas abonadas que realicen correctamente a súa solicitude participarán en igualdade de condicións.

Manterase así mesmo o criterio habitual de asignación: cada persoa abonada que resulte agraciada no sorteo poderá adquirir un máximo de dúas entradas.

Pre-reserva e sorteo

O prazo para realizar a solicitude ou pre-reserva está aberto desde o martes 18 de agosto de 2026 e ata o mércores 19 de agosto de 2026 ás 17:00 horas, a través da plataforma habitual:

reservas.rcdeportivo.es

Unha vez rematado o prazo de inscrición, recompilaranse todas as solicitudes e o sorteo celebrarase o mércores ás 18:00 horas.

Como novidade, o sorteo será retransmitido en directo a través da canle oficial do RC Deportivo en YouTube, co obxectivo de ofrecer a máxima transparencia no proceso de asignación.

As persoas abonadas que resulten agraciadas disporán do xoves ata as 19:00 horas para completar a compra das entradas.

Unha vez rematado este período, as entradas que non fosen adquiridas ofreceránselles ás persoas incluídas na lista de reserva, de acordo cos prazos e condicións de xestión establecidos para este encontro co Málaga CF.

Para este partido, o Málaga CF puxo á disposición do RC Deportivo un total de 344 entradas, cun prezo de 30 € por entrada.

A distribución será a seguinte:

  • Sorteo entre persoas abonadas: 320 entradas.
  • Compromisos contractuais e acordos comerciais: 24 entradas.

Entrega das entradas o día do partido

Esta tempada incorpórase unha novidade na xestión das entradas para as viaxes: as entradas entregaranse fisicamente na cidade na que se dispute o encontro, o mesmo día do partido.

No caso do desprazamento a Málaga, o RC Deportivo informará do lugar e do horario concretos establecidos para a entrega.

As entradas, como é habitual nas viaxes, serán nominativas e entregaranse exclusivamente en man á persoa abonada á que fosen asignadas. Para a súa recollida será imprescindible amosar o DNI ou documento identificativo equivalente, co fin de verificar a identidade da persoa titular.

O RC Deportivo informará de maneira específica das condicións e do procedemento de xestión das entradas visitantes para cada desprazamento, atendendo ás circunstancias e condicións establecidas para cada partido.

O Club agradécelles ás persoas abonadas a súa colaboración e lembra a importancia de consultar as canles oficiais do RC Deportivo para coñecer toda a información relativa a cada desprazamento.