
DÉPOR · 30 XULLO 2026
XOEL LÓPEZ ANUNCIA O NOME DO HIMNO DO DÉPOR, VOA, E AS COLABORACIÓNS
O Teatro Colón acolleu este xoves 30 de xullo un emocionante acto cargado de deportivismo con motivo da presentación de Voa, o himno oficial do RC Deportivo, unha creación orixinal de Xoel López concibida para se converter nunha nova expresión da identidade deportivista e do vínculo que une ao Club con A Coruña, Galicia e a súa afección.Durante a súa intervención, Xoel López desvelou o nome da composición, Voa, e explicou as razóns que o levaron a aceptar o encargo do RC Deportivo, destacando a responsabilidade e a emoción que supón poñer música e letra a un sentimento compartido por varias xeracións de deportivistas."Está feito con moitísimo sentimento, con moitísimo corazón. É un himno feito por deportivistas para deportivistas. É un himno de verdade. Oxalá a xente sinta o mesmo ca nós facéndoo. Se é así, imolo pasar especialmente ben", declarou o artista coruñés.

Xoel López tamén presentou as persoas e colectivos que participaron na gravación do himno e avanzou algunhas das claves dunha obra concibida para ser cantada, compartida e transmitida de xeración en xeración.Borja Calvo, responsable de Marca do RC Deportivo, explicou a orixe dun proxecto impulsado polo Club co obxectivo de dotar o deportivismo dun himno contemporáneo, capaz de representar os valores, a historia e a proxección de futuro da entidade.Así mesmo, puxo en valor a elección de Xoel López como autor pola súa traxectoria artística, a súa estreita vinculación con A Coruña e a súa capacidade para trasladar emocións compartidas a través da música.Calvo apuntou que "cando chegou o momento de revisar a identidade sonora e ver como a podiamos evolucionar, vimos claro que era necesario facer este exercicio de avanzar a marca no himno e crear esa nova peza que se fixo para representar o que é o Dépor hoxe en día, que fose capaz de emocionar, de unir xeracións e de representar o RC Deportivo durante moito tempo, durante moitos anos".Recalcou que "era vital para facer este proxecto que houbese un artista da talla suficiente para poder levar isto a cabo, que cumprise unhas condicións moi importantes para o Club: vínculo coa nosa terra, corazón blanquiazul, alguén que soubese o que é o Dépor e o que significa o Dépor para os deportivistas, e transmitise eses valores que desde o Club intentamos transmitir ao deportivismo".Asegura que para o Club "é un luxo poder contar con Xoel. É ese momento no que xorde o seu nome. A súa calidade musical, a súa sensibilidade, a súa emoción é fundamental", ademais da "universalidade da súa música".

O acto contou coas intervencións de Caroline Nournaud, violinista da Orquestra Sinfónica de Galicia; Chus Aldariz, presidenta de Kilomberos de Monte Alto; Pablo Carballido, director do Coro Cantábile, con algúns dos seus membros presentes entre o público asistente; Ana Edreira, directora das pandereteiras de Xacarandaina; e a gaiteira Susana Seivane.Todas e todos amosaron o seu agradecemento a Xoel López e ao RC Deportivo, expresaron o seu orgullo por participar nesta creación e compartiron o que significa formar parte dun proxecto que reúne diferentes sensibilidades musicais e culturais arredor dun mesmo sentimento, reflectindo a riqueza artística e o arraigamento social que inspiran Voa.

Ademais das persoas representantes presentes no Teatro Colón, tamén participaron no proceso creativo a cantante e compositora Belem Tajes e o dúo Caamaño & Ameixeiras, cuxa achega artística completa un proxecto coral que reúne algunhas das voces e intérpretes máis representativas da música contemporánea galega.O peche da presentación serviu para anunciar que a estrea oficial de Voa formará parte dos actos vencellados ao Trofeo Teresa Herrera."Non temos que agardar moito máis tempo. A idea é que nas horas previas ao Trofeo Teresa Herrera teñamos a sorte de poder lanzar ao mundo o novo himno. Estamos convencidos de que terá a capacidade de representar e de emocionar ao deportivismo durante moitos anos", apuntou neste sentido Borja Calvo.Con Voa, o RC Deportivo dá un paso máis na construción da súa identidade de marca, impulsando unha iniciativa que une música, cultura e sentimento deportivista para acompañar ao Club e á súa afección nunha nova etapa da súa historia.

Primeiro e esixente amigable do Fabril, derrotado pola mínima...

A pretemporada deportivista trasládase a Alemaña e Italia

Aubameyang decide para o Dépor o Trofeo Concello de Vilalba

A solidariedade do deportivismo, repartida en Venezuela da ma...

O RC Deportivo recibe a benvida a LaLiga EA Sports

Os Nosos disputan este mércores 29 de xullo ante o CD Lugo o ...




