RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
Rubén Prol confesa que "para min foi unha responsabilidade enorme deseñar unha tipografía para o club dos meus amores"

DÉPOR · 25 XUÑO 2026

RUBÉN PROL CONFESA QUE "PARA MIN FOI UNHA RESPONSABILIDADE ENORME DESEÑAR UNHA TIPOGRAFÍA PARA O CLUB DOS MEUS AMORES"

No marco do seu 120 aniversario, o RC Deportivo vén de presentar unha actualización da súa identidade visual, un proxecto estratéxico que honra o legado histórico do equipo ao tempo que acompaña unha nova etapa de modernidade e conexión emocional co deportivismo.Esta evolución introduce unha linguaxe visual propia, coherente e contemporánea, reforzando a personalidade do Club como referente do fútbol galego.Rubén Prol, tipógrafo e deportivista, explica que a idea de crear unha tipografía propia para o Dépor "naceu a finais de 2023, cando se deu luz verde para crear unha nova identidade corporativa para o Club bastante ambiciosa".Apunta que se bautizou como Faro "por varios motivos. En primeiro lugar é unha palabra curta, de 4 letras, moi doada de pronunciar a nivel internacional. Faro é un dos símbolos da cidade da Coruña e é un dos nomes que tiña a cidade antes de chamarse A Coruña".E Proa, "naceu da necesidade posterior de crear unha tipografía complementaria a Faro. Entón, por ir en consonancia con Faro, chamóuselle Proa porque tamén é un termo mariñeiro. É unha palabra curta, de 4 letras. Ademais, Proa significa mirar cara adiante, cara a un futuro esperanzador".Rubén Prol desvela que Faro "é unha tipografía inspirada nun lettering que eu mesmo deseñei para as camisetas da temporada 2022-23; e a raíz dese lettering desenvolveuse a tipografía. A inspiración son as formas de letra que saíron do laboratorio de formas de Sargadelos no século pasado. Son unhas formas de letra que no imaxinario colectivo galego se identifican con Galicia".Destaca que en Proa "as súas contraformas son deliberadamente cadradas porque, como é unha tipografía que se vai usar en cor azul sobre fondo branco ou viceversa, quería crear unha textura semellante ás raias do uniforme do Deportivo".Finalmente, confesa que o seu maior reto para deseñar esta tipografía foi "a nivel persoal e emocional porque son deseñador de tipografía e ademais deportivista. Entón para min foi unha responsabilidade enorme deseñar unha tipografía para o club dos meus amores".