
DÉPOR · 2 XUÑO 2026
UN DÍA PARA O RECORDO: O DEPORTIVISMO CELEBROU UNIDO UNHA TEMPORADA INESQUECIBLE
O domingo 31 de maio quedou gravado para sempre na memoria do deportivismo. Foi moito máis ca unha xornada de celebración. Foi unha homenaxe ao sentimento, á fidelidade e a unha maneira de entender o fútbol que se transmite de xeración en xeración.Dende primeira hora da mañá, A Coruña respirou blanquiazul. Milleiros de afeccionados déronse cita na Fan Zone da explanada do Palacio dos Deportes de Riazor para gozar dunha xornada deseñada para compartir, convivir e celebrar. Os máis pequenos gozaron de actividades pensadas para eles e a música puxo a banda sonora perfecta a un día moi especial coas actuacións de LGR1DO e The Rapants.
A emoción foi medrando co paso das horas ata acadar un dos momentos máis agardados: a chegada do autobús do Dépor a ABANCA-RIAZOR. Non foi unha simple chegada. Foi o reencontro entre un equipo e unha afección que percorreron xuntos cada paso dunha temporada histórica.Milleiros de deportivistas recibiron a Os Nosos cunha ovación cargada de orgullo e agradecemento. O agarimo de ANOSAFORZA volveu sentirse con forza nos arredores do estadio, nunha imaxe que resume á perfección o vencello irrompible entre o club e a súa xente.

Tras o encontro ante a UD Las Palmas, chegou o momento de render homenaxe a quen fixeron posible unha campaña para o recordo. Cando o balón deixou de rodar por última vez esta tempada, comezou unha celebración cargada de simbolismo e emoción.A volta de honra converteuse nun inmenso abrazo entre o equipo e unha afección que nunca deixou de crer. Houbo aplausos interminables, sorrisos, bágoas e momentos difíciles de describir con palabras. Porque algunhas emocións só se poden sentir.Un dos intres máis especiais da tarde estivo protagonizado polos 8 xogadores que permaneceron no club desde os tempos de Primera Federación: Diego Villares, David Mella, Yeremay Hernández, Dani Barcia, Germán Parreño, Ximo Navarro, José Ángel Jurado e Eric Puerto. Todos eles recibiron un agasallo conmemorativo e tiveron a oportunidade de dirixirse á afección, emocionando un estadio entregado.
E cando semellaba que xa se viviran todas as emocións posibles, chegou o último acto dunha xornada inesquecible.Futbolistas, corpo técnico e Consello de Administración percorreron as rúas da Coruña a bordo dun autobús descuberto rumbo a un lugar sagrado para o deportivismo: Cuatro Caminos.Alí, onde tantas veces se celebraron os grandes éxitos da nosa historia, volveuse producir o encontro máis importante de todos: o dun equipo coa súa afección. Milleiros de persoas ateigaron a zona para compartir unha celebración que foi moito máis alá dun festexo deportivo.Houbo cánticos, apertas, bágoas de felicidade e recordos imborrables. Cuatro Caminos volveu vestirse de blanquiazul para lembrar que o Dépor é moito máis ca un club. É unha paixón compartida, unha identidade colectiva e unha historia escrita entre todas e todos.Hai lugares que forman parte da historia dun club. E hai días que pasan a formar parte da súa lenda.O 31 de maio de 2026 foi un deles.O corazón do Dépor volveu latexar con forza en Cuatro Caminos. E toda unha cidade latexou con el.

Antonio Hidalgo recoñece que "hai que falar sobre a situación...

Sanxenxo súmase á gran familia do DéporCampus 2026

España, con Mauro Valeiro, mídese en semifinais a Italia desp...

O Dépor Genuine desborda emoción e entusiasmo na terceira fas...

Resultados dos torneos amigables desta fin de semana, co San ...

O RC Deportivo condena os actos vandálicos ocorridos en ABANC...














