RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
RCDEPORTIVO

O RC Deportivo pon en marcha o I Plan de Igualdade

Esta semana finalizou o proceso de rexistro do I Plan de Igualdade do RC Deportivo coa confirmación de inscrición no rexistro de acordos e convenios colectivos de traballo da Comunidade Autónoma de Galicia.

Este trámite era o definitivo após a firma levada a cabo o pasado luns 20 de xaneiro.

A negociación e firma do Plan é un paso fundamental no compromiso por promover a equidade, a diversidade e a inclusión dentro do Club.

Este plan é o resultado dun proceso de diagnóstico da situación actual e de negociación coa representación legal das persoas traballadoras, o cal establece un conxunto de medidas concretas e avaliables para erradicar calquera posible brecha de xénero e garantir condicións laborais equitativas.

Coa implementación deste plan, reafírmase o compromiso de:

-Promover a igualdade de oportunidades entre mulleres e homes en todos os niveis da organización.

-Impulsar medidas específicas para previr calquera tipo de discriminación laboral e salarial.

-Fomentar políticas que favorezan a conciliación da vida laboral, persoal e familiar.

-Garantir unha representación equitativa nos procesos de selección, promoción interna e formación.

Esta firma non só supón o cumprimento dunha obrigación legal, senón tamén a consolidación da aposta pola equidade, o respecto e a diversidade. Este é só o inicio dun camiño cara a unha organización máis inclusiva e equitativa para todas as persoas que forman parte do Club.