
DÉPOR · 6 XULLO 2026
O RC DEPORTIVO CELEBRA A SEGUNDA XUNTANZA DO FORO SOCIAL CO NOVO HIMNO E A CAMPAÑA DE ABONOS COMO ASUNTOS PRINCIPAIS
O Real Club Deportivo celebrou este luns 6 de xullo no Estadio ABANCA-RIAZOR a segunda reunión do Foro Social, o espazo de encontro, escoita e participación impulsado polo Club para reforzar o diálogo directo coa súa masa social e compartir coa afección diferentes asuntos relevantes para o presente e o futuro da entidade.Nesta segunda edición, celebrada nun momento especialmente significativo para o deportivismo, co regreso do primeiro equipo a Primera División e no marco das iniciativas vencelladas ao 120 aniversario do Club, as persoas asistentes puideron coñecer novos detalles sobre dúas cuestións de especial interese: a preparación do novo himno oficial do RC Deportivo e as principais novidades da campaña de abonos da vindeira temporada.Durante o encontro, o Club compartiu coas persoas participantes o proceso de creación do novo himno do RC Deportivo, escrito e composto polo músico coruñés Xoel López. A canción nace coa vontade de representar o sentimento do deportivismo cara ao seu equipo e de conectar con algúns dos valores que definen ao Dépor: paixón, orgullo de pertenza, identidade local, esforzo, talento e teimosía.O proxecto busca contar ademais coa colaboración de diferentes artistas e formacións vencelladas á Coruña e a Galicia, polo que se consultou ás persoas membros do Foro sobre posibles nomes que poderían formar parte desta peza coral, aberta e representativa da diversidade do sentimento blanquiazul.A segunda parte da reunión estivo dedicada ás principais novidades dos abonos da temporada 2026-27. O Club trasladou ás persoas asistentes as liñas xerais dunha campaña que incorporará novas vantaxes e novas modalidades, co obxectivo de adaptarse mellor ás distintas realidades da afección deportivista e de seguir fortalecendo o vínculo entre o equipo e unha masa social que volverá ter un papel decisivo en ABANCA-RIAZOR.Entre as novidades expostas atópanse medidas orientadas a mellorar a experiencia das persoas abonadas, ampliar as posibilidades de vinculación co Club e ofrecer alternativas máis flexibles para diferentes perfís de deportivistas. O RC Deportivo dará a coñecer proximamente todos os detalles da campaña, que volverá poñer en valor a forza dunha afección que acompañou o equipo de forma exemplar nos últimos anos e que será fundamental no regreso á elite do fútbol español.O Foro Social consolídase así como unha canle estable entre o Club e a súa masa social. A través deste espazo, o RC Deportivo quere escoitar, explicar e compartir cos deportivistas as decisións e iniciativas que forman parte dunha nova etapa de crecemento institucional, deportivo e social. O Club agradece a participación de todas as persoas asistentes a esta segunda reunión e reafirma a súa vontade de seguir construíndo, xunto coa súa afección, un Dépor cada vez máis aberto e participativo.

O RC Deportivo habilita unha opción online para a renovación...

Primeiro día de Jonathan Asp Jensen no Dépor, con dobre sesió...

Teun Gijselhart, na súa presentación, fala do Dépor como "un ...

Os dous primeiros partidos do Dépor en LaLiga EA Sports, ante...

O RC Deportivo presenta a súa segunda equipación para a tempo...

O xuvenil deportivista Nico Balbas xogará con Honduras sub-20...