RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
O RC Deportivo condena os insultos e as presións dirixidos aos seus xogadores e adopta medidas para protexelos

DÉPOR · 18 AGOSTO 2026

O RC DEPORTIVO CONDENA OS INSULTOS E AS PRESIÓNS DIRIXIDOS AOS SEUS XOGADORES E ADOPTA MEDIDAS PARA PROTEXELOS

O RC Deportivo quere denunciar publicamente os insultos e as presións que algúns dos seus xogadores veñen sufrindo nas últimas semanas por parte de afeccionados que pretenden que adopten unha posición concreta en asuntos extradeportivos non relacionados de maneira directa coa súa práctica profesional. Os feitos foron documentados e postos a disposición dos servizos xurídicos do Club, que valorarán o exercicio de cantas accións procedan en defensa dos seus profesionais. Estas condutas producíronse tanto de forma presencial como a través de mensaxes en redes sociais e aplicacións de mensaxería dirixidas de maneira particular a algúns xogadores, tanto na súa esfera profesional como na súa esfera persoal e privada, co obxectivo de presionalos para que se pronuncien respecto de cuestións non deportivas das que non son partícipes. No último encontro, durante o quecemento do equipo, algúns xogadores recibiron desde un sector da bancada berros e insultos de maneira reiterada, ao tempo que se lles instaba a tomar partido publicamente a favor das reivindicacións dunha parte da afección. Esta situación reproduciuse á saída dos xogadores do Estadio, en presenza dos seus familiares. O Club considera absolutamente inaceptable calquera comportamento desta natureza e condena de forma firme toda manifestación de violencia —xa sexa física ou verbal—, intimidación ou ameaza dirixida contra os xogadores e contra calquera dos membros do RC Deportivo. O RC Deportivo entende e respecta profundamente que os afeccionados poidan expresar a súa desconformidade, formular críticas ou manifestar o seu desacordo con determinadas decisións. Porén, ningunha discrepancia pode xustificar os insultos, as presións persoais ou calquera intento de impor que xogadores e membros do corpo técnico se posicionen publicamente sobre unha cuestión que non forma parte das súas responsabilidades. Estas actuacións tiveron como consecuencia a decisión adoptada nas comparecencias posteriores ao partido ante o Elche CF, nas que adestrador e xogadores se limitaron a responder a cuestións estritamente deportivas, manténdoos á marxe dun tema que nada ten que ver con eles nin co seu desempeño no terreo de xogo. Todo iso sen menoscabar a posibilidade dos medios de comunicación de recoller as impresións dos protagonistas sobre o debut do RC Deportivo en Primeira División despois de oito anos. O Club sempre foi un exemplo de transparencia e proximidade coa Prensa e así seguirá sendo. Trátase dunha cuestión que corresponde ao ámbito de responsabilidade do Club e dos seus órganos de xestión, non dos futbolistas nin do corpo técnico. O Club, ademais, na súa condición de empregador, ten o deber legal de velar pola seguridade e a saúde dos seus traballadores, tamén na súa dimensión psicosocial, e actuou en cumprimento desa obriga. Xogadores e adestradores deben poder desenvolver a súa actividade profesional con normalidade, sen verse sometidos a presións externas que incidan negativamente no seu rendemento deportivo e lles afecten no seu ámbito persoal e familiar. Á marxe do anterior, o Club mantén un proceso de escoita activa e deu xa resposta a varias das reivindicacións dos abonados, habilitando primeiro unha canle para realizar o proceso de renovación de abonos online e, posteriormente, un sistema de cesión dos abonos e liberación de asentos para a bancada de Marathón Inferior. As medidas de seguridade impostas nesa bancada puxéronse en marcha como consecuencia do elevado número de sancións acumuladas neste espazo concreto do estadio e, como xa foi comunicado polo Club, non buscan impor un cambio na dinámica desta bancada e non terán ningún impacto nin efecto sobre aquelas persoas que non incorran en actos ou comportamentos contrarios á normativa vixente. O RC Deportivo seguirá defendendo o dereito de todos os afeccionados a expresar libremente as súas opinións dentro da legalidade e das canles establecidas, ao mesmo tempo que actuará para preservar a integridade, a seguridade e o respecto debido aos seus xogadores, corpo técnico e a todas as persoas que forman parte do Club. O Club fai un chamamento a todos os seus afeccionados para que apoien os xogadores, dentro e fóra do terreo de xogo, e contribúan a manter unha contorna de respecto, convivencia e seguridade que redunde positivamente no rendemento deportivo do equipo.