RCDeportivo Logo
https://www.instagram.com/rcdeportivo/https://www.tiktok.com/@rcdeportivohttps://x.com/RCDeportivohttps://www.facebook.com/RCDeportivo/https://www.youtube.com/@rcdeportivo
O RC Deportivo habilita a cesión e a liberación de localidades en Marathón Inferior

DÉPOR · 14 AGOSTO 2026

O RC DEPORTIVO HABILITA A CESIÓN E A LIBERACIÓN DE LOCALIDADES EN MARATHÓN INFERIOR

Dende o RC Deportivo queremos seguir avanzando no proceso de escoita e procura de solucións coas persoas abonadas de Marathón Inferior.

Dende a posta en marcha das novas condicións desta bancada, o Club veu recollendo as consultas, preocupacións e propostas trasladadas pola afección, coa vontade de introducir melloras, sempre que sexa posible, e de atopar fórmulas que permitan compatibilizar as inquietudes das persoas abonadas co obxectivo fundamental de preservar Marathón Inferior como o espazo de animación de ABANCA-RIAZOR.

Como resultado desta escoita, queremos comunicar unha nova medida que responde directamente a unha das peticións que nos trasladastes durante as últimas semanas.

A partir de agora, cando a persoa titular dun abono de Marathón Inferior non poida ou non desexe asistir a un partido, poderá elixir, ao igual que o resto de persoas abonadas de ABANCA-RIAZOR, entre dúas opcións: ceder a súa localidade a outra persoa ou liberala para que o Club poida poñela novamente á disposición doutros afeccionados.

1- Cesión do abono a outra persoa

Cando unha persoa abonada queira que outra persoa ocupe a súa localidade para un partido concreto, poderá realizar a cesión do seu abono.

Para iso, a persoa titular deberá indicar, a través da seguinte ligazón: https://www.rcdeportivo.es/cesion, o nome, os apelidos e o DNI da persoa que acudirá ao encontro.

Unha vez completada a cesión, a persoa identificada como usuaria da localidade deberá acudir presencialmente á OAD (ou ao espazo que designe o RC Deportivo para tal fin) —ou os seus proxenitores ou representantes legais, no caso das persoas menores de idade— para realizar o correspondente proceso de identificación, aceptar expresamente as normas e condicións aplicables e retirar a entrada.

Unha vez finalizado o trámite, recibirá unha entrada persoal e intransferible, válida exclusivamente para o encontro obxecto da cesión.

Liberación da localidade

A persoa abonada tamén poderá optar por liberar a súa localidade.

No caso de que a devandita localidade sexa finalmente vendida, a persoa titular recibirá en saldo moeDéiro ou saldo de liberación o 50 % do valor da entrada.

Deste xeito, o Club poderá poñer novamente a localidade á disposición doutros afeccionados, seguindo o sistema habilitado para o resto do estadio.

A venda das entradas correspondentes ás localidades liberadas de Marathón Inferior realizarase única e exclusivamente de maneira presencial nos despachos de billetes do Club, co obxectivo de levar a cabo o correspondente proceso de identificación da persoa adquirente e obter a súa aceptación expresa das condicións específicas aplicables a esta bancada.

Unha medida para protexer Marathón Inferior

Esta nova posibilidade nace da vontade do Club de seguir mellorando os procedementos e atender as propostas e os comentarios recibidos por parte das persoas abonadas.

O RC Deportivo quere lembrar tamén o sentido das medidas de identificación implantadas en Marathón Inferior.

O obxectivo do Club é preservar esta bancada e garantir que siga sendo, coma sempre, un dos grandes motores de animación de ABANCA-RIAZOR.

O Club quere unha Marathón Inferior chea, intensa e entregada ao equipo, agora en Primeira e durante moitos anos.

As medidas adoptadas perseguen unha finalidade concreta: garantir que non se produzan condutas violentas, discriminatorias, vandálicas ou de calquera outra natureza contraria á normativa vixente que poidan derivar en novas sancións ou mesmo no peche total ou parcial do estadio.

O sistema de identificación permite coñecer quen accede á bancada e, se excepcionalmente se producise algunha destas condutas, individualizar as responsabilidades e actuar únicamente contra quen as cometa, evitando que as súas consecuencias recaian sobre o conxunto das persoas abonadas, sobre o Club ou sobre a propia continuidade de Marathón Inferior como espazo de animación.

Precisamente por iso, estas medidas constitúen tamén unha forma de protexer a inmensa maioría das persoas abonadas de Marathón Inferior, que respectan as normas, manteñen un comportamento exemplar e unicamente queren acudir a ABANCA-RIAZOR para apoiar e animar o Deportivo.

Neste sentido, o Club quere deixar claro que as condicións específicas de Marathón Inferior non supoñen un cambio na dinámica que viña mantendo esta bancada, xa que non terán ningún impacto nin efecto sobre aquelas persoas que non incorran en actos vandálicos ou violentos, condutas de incitación á violencia ou calquera outro comportamento contrario á normativa vixente e aplicable nos recintos deportivos.

O RC Deportivo reitera a súa vontade de seguir escoitando, dialogando e traballando de maneira continua para mellorar os procedementos sempre que sexa posible, procurando solucións que permitan conciliar as necesidades das nosas persoas abonadas coa nosa responsabilidade de garantir a seguridade, a convivencia e o futuro do Club.

O Club quere agradecer a todas as persoas abonadas a súa colaboración, comprensión e compromiso.