
· 8 XULLO 2026
O TEU LUGAR EN PRIMEIRA: OS NOVOS ABONOS DO DÉPOR PARA VIVIR O REGRESO A LALIGA EA SPORTS EN ABANCA-RIAZOR
Os abonos 2026/2027 incorporan máis vantaxes para socios e simpatizantes, novas modalidades de vinculación, opcións para seguir tamén a Dépor ABANCA e Fabril, abono dixital e liberación de asento. Todo pensado para que #ANOSACASA estea máis chea ca nunca.
O RC Deportivo presenta hoxe os abonos da tempada 2026/2027, unha tempada marcada polo regreso do equipo a LaLiga EA SPORTS e por unha idea que resume o sentimento de todo o deportivismo: O teu lugar en Primeira.
Despois de anos de esforzo, fidelidade e orgullo compartido, ABANCA-RIAZOR volve prepararse para vivir grandes partidos, grandes emocións e o mellor espectáculo deportivo. O Dépor regresa a Primeira e faino acompañado por aquilo que nunca perdeu: unha afección que seguiu enchendo a bancada, empurrando o equipo e demostrando que ser do Dépor é moito máis ca estar nunha categoría.
Os novos abonos nacen para acompañar esta nova etapa. Unha tempada en LaLiga EA SPORTS esixe máis do Club, do equipo e de todas as persoas que formamos parte desta historia. Pero tamén ofrece máis: máis partidos do máximo nivel, máis vantaxes, novas modalidades, máis opcións para seguir vinculado ao Dépor e novas ferramentas para que cada asento de #ANOSACASA siga sumando.
Máis formas de vivir o Dépor
A tempada 2026/2027 incorpora distintas modalidades para adaptarse a diferentes formas de vivir o Club: abonos con localidade, abonos bonificados, abonos VIP, modalidade Ouro e novas modalidades sen localidade para quen quere seguir formando parte do Dépor aínda que non dispoña de asento fixo en ABANCA-RIAZOR.
O obxectivo é que cada deportivista poida atopar a súa maneira de estar preto do Club: desde quen quere conservar o seu asento de sempre ata quen vive o Dépor desde a distancia, desde quen quere animar activamente na bancada ata quen quere que os máis pequenos comecen a formar parte desta historia desde os seus primeiros anos.
Máis do 40% das persoas abonadas terá algún tipo de bonificación
O RC Deportivo mantén un modelo amplo de bonificacións para acompañar distintos colectivos de deportivistas. Máis do 40% das persoas abonadas contará con algún tipo de bonificación no prezo anual.
As modalidades bonificadas inclúen descontos para maiores de 65 anos, persoas con diversidade funcional, Sub-25 e ADN Branquiazul Sub-15. As bonificacións contemplan un 20% de desconto para maiores de 65 anos e diversidade funcional, un 40% para Sub-25 e un 55% para ADN Branquiazul Sub-15.
Ademais, o Club procurou que a actualización de prezos teña un impacto máis contido nas zonas máis económicas do estadio, mantendo opcións de acceso para distintos perfís de afeccionado.
Un abono con máis vantaxes para abonados e simpatizantes
Os abonos 2026/2027 incorporan máis beneficios para as persoas abonadas e simpatizantes. Entre as principais melloras destaca o incremento do desconto nas DéporTiendas e en deportienda.es, que pasa do 5% ao 10% para as principais modalidades.
Segundo a modalidade elixida, as persoas abonadas e simpatizantes poderán acceder a sorteos exclusivos, experiencias como Matchday VIP ou meet & greet con xogadores, camisetas, tarifas especiais no Museo & Tour, vantaxes adicionais de patrocinadores e colaboradores, descontos en actividades do Club, preferencia ou prioridade na compra de entradas e vantaxes vencelladas a #ANosaCanteira.
O abono dixital na APP RCDeportivo será a forma principal de levar o carné durante a tempada. Quen desexe dispoñer tamén de carné físico poderá solicitalo cun custo de 3,50 euros e envío a domicilio.
Deportivista + e Deportivista: seguir a formar parte do Dépor, tamén sen localidade
A tempada 2026/2027 incorpora dúas novas modalidades para quen quere seguir formando parte do RC Deportivo sen contar cunha localidade fixa en ABANCA-RIAZOR: Deportivista + e Deportivista.
Deportivista + está pensado para quen quere manter unha vinculación activa co Club, conservar o seu número e antigüidade, gozar de vantaxes, participar en sorteos e experiencias, acceder a descontos e ter prioridade para optar a un futuro abono con localidade cando exista dispoñibilidade. Este novo programa substitúe ao antigo Soci@ Amig@.
Deportivistapermite seguir formando parte do Dépor, manter o vínculo co Club, gozar de vantaxes, descontos, promocións e preferencia na compra de entradas.
Tamén se mantén a modalidade Deportivista JR, pensada para que os deportivistas máis pequenos formen parte do Club desde os seus primeiros anos.
Máis Dépor: Dépor ABANCA, Fabril e Liceo
O Dépor non remata no primeiro equipo masculino. Por iso, os abonos 2026/2027 amplían as opcións para acompañar tamén ao Dépor ABANCA e ao Fabril durante toda a tempada.
As persoas abonadas e titulares de carné deportivista poderán engadir o acceso a todos os partidos do Dépor ABANCA por 20 euros, o acceso a todos os partidos do Fabril por 20 euros ou o extra conxunto Dépor ABANCA + Fabril por 35 euros, sempre supeditado á retirada previa de entrada, dispoñibilidade, aforo, recinto e operativa de cada encontro.
Como novidade, este ano xa non é necesario ser persoa abonada para poder asistir aos partidos do Dépor ABANCA ou o Fabril. Cun Pase de Tempada desde 25€ poderás acceder a todos os partidos que o Fabril e o Dépor ABANCA xoguen en ABANCA-RIAZOR e Dépor Training Center (ata completar aforo). Será necesaria a retirada da entrada sen custo. Ao non tratarse dun abono, este pase non manterá antigüidade algunha de persoa abonada.
Tamén se incorpora o extra Liceo, que permite acceder a partidos amigables e de competición oficial do HC Liceo no Palacio dos Deportes de Riazor, agás aqueles declarados como Días do Club, sen reserva de asento e ata completar aforo.
Cada asento conta: liberación de asento e moeDÉiro
A tempada 2026/2027 reforza o sistema de liberación de asento, unha ferramenta pensada para que ABANCA-RIAZOR estea o máis cheo posible e para que máis deportivistas poidan acceder a unha entrada cando unha persoa abonada non poida asistir.
Se unha persoa abonada non pode acudir a un partido, poderá liberar a súa localidade. Se o Club vende esa entrada, xerarase un saldo equivalente ao 50% do prezo neto da localidade vendida, que se incorporará ao seu moeDÉiro e poderá aplicarse como desconto na renovación da tempada seguinte, cos límites establecidos. Se a localidade liberada non se vende, poderá recuperarse ata 12 horas antes do partido.
A liberación de asento permite que o abono siga sumando mesmo cando a súa persoa titular non pode estar na bancada: axuda ao equipo, mellora o ambiente, facilita que outra ou outro deportivista poida entrar en Riazor e recoñece o uso responsable de cada localidade.
Compromiso de asistencia: un ABANCA-RIAZOR máis cheo, un Dépor máis forte
O RC Deportivo implementa esta tempada o Compromiso de Asistencia e Utilización do Abono, un sistema pensado para fomentar a asistencia, facilitar a cesión e promover a liberación de localidades cando unha persoa abonada non poida acudir.
Para os 19 partidos de LaLiga EA SPORTS na casa, establécense 15 usos válidos como referencia para acceder a condicións preferentes de renovación. Contarán como uso válido tres accións: asistir ao partido, ceder o abono ou liberar o asento a través das canles oficiais do Club.
O obxectivo é recoñecer e fomentar un uso responsable do abono, ademais de permitir que outros deportivistas teñan máis opcións de conseguir unha entrada cando haxa dispoñibilidade. Cada localidade ocupada axuda ao equipo e mellora o ambiente de ABANCA-RIAZOR.
Unha estrutura de prezos responsable no regreso a Primeira
A tempada 2026/2027 supón un novo contexto deportivo e competitivo. O regreso a LaLiga EA SPORTS implica unha maior esixencia para o Club, pero tamén unha tempada de maior valor para as persoas abonadas: partidos do máximo nivel, máis servizos, máis vantaxes e unha experiencia acorde con este regreso á Primeira.
Na estrutura de prezos, o Club buscou equilibrar o novo escenario competitivo cunha política responsable para o deportivismo. O prezo medio por partido en ABANCA-RIAZOR (sen ter en conta bonificacións) situarase arredor de 26 euros, tomando como referencia o prezo medio do abono e 20 partidos de tempada. En termos mensuais, a referencia media sitúase arredor de 52 euros ao mes durante 10 meses.
Ademais, o Dépor mantense por debaixo da media dos clubs comparados en todas as franxas de localidade: premium, estándar e popular. Segundo a comparativa interna realizada con clubs do contorno competitivo, o prezo medio do Dépor está por debaixo da media do grupo analizado e sitúase por debaixo de clubs como Valencia, Sevilla e Betis, e en liña con clubs de contorno semellante como Celta e Alavés.
Calendario e procedemento
A renovación realizarase principalmente de forma online a través da web oficial do Club e o prazo abrirase ao longo da tarde do 8 de xullo de 2026. A atención presencial quedará reservada para incidencias, situacións especiais, validacións documentais ou modalidades que requiran tramitación específica.
As persoas abonadas da tempada anterior manterán reservada a súa localidade ata o domingo 26 de xullo. A renovación online estará dispoñible ata o domingo 26 de xullo ás 23:59 horas, mentres que a renovación por transferencia rematará o xoves 23 de xullo ás 13:00 horas.
A partir do luns 27 de xullo, as localidades non renovadas quedarán liberadas para cambios de asento, cambios de modalidade, novas altas ou reasignacións internas. Os cambios de localidade e modalidade realizaranse do 29 de xullo ao 12 de agosto ás 18:00 horas, exclusivamente para persoas abonadas da tempada pasada e mediante cita previa.
Unha afección de Primeira
Os abonos 2026/2027 son unha invitación a vivir xuntos unha tempada especial. O Dépor volve a Primeira, pero faino acompañado por aquilo que nunca perdeu: unha afección fiel, esixente, orgullosa e decisiva. Porque cada asento suma. Porque cada voz empurra. Porque ABANCA-RIAZOR volve ao máis alto. E porque esta tempada, máis ca nunca, o teu lugar está en Primeira.

Justino Barbosa, novo futbolista do Fabril

Nova sesión de Os Nosos no Dépor Training Center, "coñecéndon...

Lucía Rivas e Redru xogarán este venres 10 de xullo coa selec...

O Dépor 2026-27 xa está ás órdenes de Antonio Hidalgo sobre o...

Alberto Rodríguez, novo adestrador do Dépor ABANCA

O RC Deportivo e Total Renting chegan a un acordo para as dúa...