RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Mario Soriano está contento "por darlle unha alegría a #ANOSAFORZA" e Álex fala de "xerar esa onda de ilusión tanto para a afección como para nós"

Mario Soriano e o capitán Álex Bergantiños pasáronse pola zona mixta de ABANCA-RIAZOR.

O atacante madrileño confesou estar "moi contento polo resultado, por estes puntos, por darlle unha alegría a #ANOSAFORZA, por facerlles que confíen e que sigan con esa ilusión de que se pode conseguir. Estamos moi contentos por todo, por como xogamos e por todo o que fixemos dentro do campo".

Conta que Rubén de la Barrera díxolle ao equipo antes do partido que tivesen "tranquilidade, virar o balón dun lado a outro, esperar o momento para atopar os espazos libres detrás da liña de medios e a partir de aí acelerar o xogo como creo que se reflectiu. Xogamos moi ben e tivemos esas rupturas de Yeremay, de Max que foron moi boas. Tivemos calma no inicio do xogo, que nos fixo chegar a finalización moi fácil".

Mario Soriano resalta que "estes tres días traballamos táctico á hora de ter o balón, de ter tranquilidade no inicio do xogo, se non veñen apertar arriba ter solucións, ter sempre un 2 contra 2 ou un 3 contra 2 co porteiro. Mackay estivo moi ben cos pés e por mor de atopar ese espazo aceleralo. A nivel defensivo cambiamos un pouco a estrutura: apertar arriba eu detrás de Lucas e Max, en bloque baixo ter ese 4-3-3 con Yeremay en banda. Os xogadores somos os mesmos, buscamos os espazos, xogar tranquilos e reflectiuse".

Pola súa banda, Álex Bergantiños confesa estar "contento porque era un día importante co cambio de adestrador, xogar en ABANCA-RIAZOR, con todo o que tentamos meter en poucos días de cambios na forma de xogar. E non puido saír mellor. Iniciamos o partido da mellor maneira con goles moi temperáns e así foi todo moito máis fácil".

O capitán deportivista recalca que "canto máis arriba quedemos mellor para os cruces, posibles empates... A ver se podemos gañar en Pontevedra, que falle o Real Madrid Castilla e poder subir un posto".

Finalmente destaca que hoxe "o máis importante era gañar o noso último partido (en liga) con #ANOSAFORZA antes de que empece o play off, moitos cambios, moita expectación e xerar esa onda de ilusión tanto para a afección como para nós dentro de tentar cambiar cousas, ilusións renovadas. Non se pode pedir máis, debutaron rapaces, saíu todo ben, mantivemos portería a cero e agora o que temos que facer é non relaxarnos, seguir puíndo cousas, irnos empapando de toda a idea que trae Rubén e de todo o que nos vai a pedir, e chegar o mellor preparados posible ao play off. Deste partido ninguén se vai a acordar cando chegue a primeira eliminatoria e xoguémonos todo o ano neses partidos".