RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

"Mucho que decir, poco que contar" (0-0)

O Dépor afrontaba o partido máis esperado da temporada en ABANCA-RIAZOR, que a véspera se converteu no máis especial polo falecemento de Arsenio Iglesias. O obxectivo da vitoria tiña así dobre motivo, recortar tres puntos ao líder na loita polo título e homenaxear a Arsenio e ao Deportivismo nunha xornada de sentimentos a flor de pel.

As rotacións polas que optou Óscar Cano para buscalo foron tres: Lucas por Arturo, Rubén Díez por Quiles e Olabe por Isi Gómez.

O partido empezou e mantívose moi dinámico desde o arranque. A primeira chegada foi branquiazul cun remate raso desviado de Mario Soriano aos dous minutos mentres que enfronte Berto recortaba dentro da área para que Jaime lla birlase.

A partir do minuto 10, durante outros tantos minutos, a iniciativa foi oleira con varias chegadas consecutivas. A primeira unha cabezada picada de Álvaro Bustos para que voase Ian Mackay. Víctor García tentouno desde 40 metros mandándoa alto e Soriano tívose que pór o mono de central para defender unha xogada cara a portería propia dentro da área presionado por tres xogadores amarelos pero foi capaz de saír airoso do envurullo.

Un dos reveses do encontro foi a lesión de Antoñito que obrigou ao reaxuste co regreso de Villares ao lateral e de Isi ao centro do campo. A primeira clara chegou após cesión ao porteiro nun libre directo que non puido superar a barreira amarela.

Chiki tivo un man a man que rematou demasiado cruzado mentres que na súa primeira incursión até liña de fondo Villares serviu un pase da morte que se coou entre a defensa e quedou por detrás de Lucas e Isi. Por ese lado tamén comezou un cambio de orientación de Ruben Díez, bo control e bo remate ás toas de Raúl que se marchou levemente alto após tocar con man esquerda Jesús Ruiz.

Con esas ocasións pechouse un primeiro tempo intenso pero no que as ocasións claras de gol escasearon.

O segundo tempo seguiu polos mesmos camiños pero convertido nun monólogo branquiazul. Isi pola dereita prolongou para Rubén e serviu unha asistencia a Kuki que se atopou no camiño do seu remate o corte da defensa. O queixume máis claro da bancada chegou nun tiro potente raso de Soriano preto do pau.

Á saída dun córner producíronse varios rebotes preto da liña de gol pero a zaga conseguiu sacar o perigo. Svensson protagonizou a mellor xogada persoal cun recorte para quedar só e pegarlle coa alma, pero alto. Outra boa chegada protagonizárona Saverio e Kuki, que acabaron por levar o balón ao punto de penalti pero xusto cando Villares ía rematar, Babin quitoullo coa punteira.

Lucas en dúas ocasións, primeiro cun zurdazo para que Ruiz voase e desviase a corner, e despois con outro lanzamento ao lateral da rede co que se puxo punto final ás ocasións do partido, foi o último en buscar o gol da vitoria.

Que dúbida cabe de que o Dépor tentouno, pero o único seguro é que o Dépor garante poder buscar o ascenso polo camiño do playoff.

RC Deportivo: Mackay, Antoñito (Isi Gómez, min. 21), Jaime, Martínez, Raúl Carnero, Rubén Díez (Saverio, min. 65), Olabe, Diego Villares, Kuki Zalazar (Yeremay, min. 84), Mario Soriano (Svensson, min. 65) e Lucas.

AD Alcorcón: Jesús Ruiz, Castro, Morillas, Mosquera, Babin, Álvaro Bustos (Ernesto, min. 57), Moyano, Chiki (Dalmau, min. 78), Berto (Addai, min. 57), Javi Lara (Álex López, min. 57) e Víctor García (Iago López, min. 82).

Árbitro: Mallo Fernández (c. vasco). Amoestou a Moyano (min. 42), Javi Lara (min. 45+2), Víctor (min. 61), Morillas (min. 71) e Yeremay Hernández (min. 90+1).

Incidencias: partido da 35ª xornada de Primera Federación disputado en ABANCA-RIAZOR ante 27.023 espectadores. Na previa do partido gardouse un minuto de silencio na memoria de Arsenio Iglesias após a ofrenda floral por parte do que fora o seu segundo, Carlos Ballesta, e dous dos seus netos: Jacobo e Antón Iglesias.