RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano lembra que "hai 9 puntos en xogo e temos que ir a por eles" pero admite que o ascenso directo "complicouse moitísimo"

Óscar Cano lembrou na sala de prensa, finalizado o encontro ante o AD Alcorcón, que "hai 9 puntos en xogo e temos que ir a por eles porque se poden equivocar os demais e nós estamos obrigados a sumar. Aínda hai puntos para o ascenso directo. Son consciente que se complicou moitísimo evidentemente. Quedar primeiro é practicamente imposible pero tamén vimos cousas moi raras no fútbol. A historia está chea de cousas imposibles. Se nos imos ao que posiblemente ocorra, temos que sumar o máximo número de puntos posibles para acabar o máis arriba posible porque o factor campo para min é importante. Xogar o segundo partido como local é importante".

Insiste en que "se non se pode pola vía directa, que xa se nos puxo practicamente imposible, non pensemos que se acabaron as opcións de ascender. Hai outros camiños. Pódesenos negar un pero ábresenos outra posibilidade. É un mes máis tarde pero as cousas son como son, hai moita igualdade, moita competencia entre os equipos de arriba; e moitas veces os detalles inflúen para que ti non quedes o primeiro e quede outro equipo que aínda non se sabe quen vai ser".

Do partido, o adestrador branquiazul indicou que "na primeira parte, do minuto 5 ao 30 unha mala posta en escena. Perdemos moitos balóns e alimentamos as súas posibilidades de presión e de contraataque. Achegáronse e tiveron un par de oportunidades moi claras coas que puideron adiantarse. Acabamos moi ben a primeira parte, cunha ocasión que se pasea balón preto da liña de gol e sobre todo a oportunidade de Raúl, que o seu porteiro fai unha intervención excepcional".

Tralo descanso, subliña que "na segunda parte foi integramente nosa. Tentámolo todo: seguir construíndo desde atrás, coa entrada de Max e Kike Saverio darlle unha volta ao que estaba a suceder... Tivemos a de Max, a de Lucas e ao final quédallenos cara de parvos co empate a cero porque aínda que foi un partido moi igualado, entre dous grandes equipos, creo, sobre todo na segunda parte, que fomos acredores a poder gañar o partido. Foron moi claras. Non conto a de Mario, rozando o pau, senón sobre todo as dúas últimas de Max e de Lucas, que non entraron e condicionaron a non poder gañar".

Pola súa banda, Fran Fernández, adestrador do AD Alcorcón, márchase de ABANCA-RIAZOR cunha sensación "agridoce. Fixemos unha primeira parte moi boa, seguindo o plan de partido. Non estivemos acertados do todo trala recuperación. Tiñamos espazo e tempo suficiente para xerar algo máis. Non estivemos finos niso. Na segunda recuperamos máis atrás e era difícil. Na primeira parte dominamos algo máis, eles na segunda co apoio da afección, un equipazo como é o Dépor. É normal que suframos".