RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Óscar Cano: "O clima que se xera en ABANCA-RIAZOR é moi complicado para os equipos adversarios"

Óscar Cano subliñou na sala de prensa que "o clima que se xera en ABANCA-RIAZOR é moi complicado para os equipos adversarios. Vén un equipo como o CF Fuenlabrada, que viña en boa dinámica dos últimos partidos e con bos xogadores porque é un equipo construído para facer playoff e para regresar á Liga de Fútbol Profesional, fai 2 goles e non pode gañar. Aquí en Riazor é moi complicado. Imos ver que inxeniamos nesta semana para poder primeiro asaltar Ferrol, deportivamente falando obviamente, e despois pois ter esa fiabilidade que temos en casa fóra do noso estadio".

Do partido, manifestou que "fixemos unha primeira parte na que tiñamos a sensación de que cada ataque podía acabar en perigo. Tivemos moitísima posesión, moitísimas situacións próximas á súa portería, moitísimas oportunidades. O único que puxo sombra a ese aluvión de xogo e de situacións de remate foi o gol de Iván, que aproveitou que Mackay estaba algo adiantado, que é onde tiña que estar. Despois fomos capaces de repoñernos e nun balón longo buscando a Fer, que estivemos a traballar o xoves, acabou nunha serie de rexeites e o gol. De novo o equipo demostrou carácter, soltouse e chegamos ao descanso con ese 2-2".

Tralo descanso, o técnico deportivista resalta "ao principio moitísimas interrupcións. Estivemos un pouco máis espesos que na primeira metade. Os cambios, sobre todo o de Max, esporeou á xente, permitiu activarnos; e o equipo acabou moi ben, con eses 2 goles e estou moi contento por todo, por #ANOSAFORZA, polos rapaces e porque os demais van ter que gañar mañá se queren seguir mantendo a distancia".

Queda coa reacción do equipo tralo primeiro gol do Fuenlabrada: "Seguimos atacando con tranquilidade pero querendo ir a polo partido. Non nos viñemos abaixo e iso ao final fixo que puidésemos gañar".

Nesta liña, sostén que "demos un paso adiante en relación a manexar a situación, que non é outra cousa que manexar os ritmos do que está a pasar, do que temos que facer; e marcar o ritmo nós". De feito, opina que "cando o equipo baixou un pouquiño as pulsacións e dixo 'imos darlle 3 ou 4 pases máis ás xogadas a pesar de que teñamos que gañar porque podemos perder 10 segundos en cada acción pero o que non podemos facer é perder o partido' e aí si que é verdade que se deu un paso adiante respecto doutros enfrontamentos. E iso é moi importante sobre todo aquí".

Preguntado por Max Svensson, resalta que "é un rapaz que ten un entusiasmo para facelo todo. Representa o que debería de representar para todo, xa non o fútbol senón na vida; é dicir aproveitar o tempo. ¿Dispoño de 10 minutos? Pois 10 minutos baléirome déixoo todo e voume con boa sensación; ¿que teño media hora? Pois media hora; ¿cando sae de titular? Pois terá máis minutos". "É unha gran alegría que todos os rapaces somen, non só el, senón todos", conclúe.

Finalmente, coa visita o vindeiro domingo ao Racing de Ferrol na Malata, Óscar Cano apunta que "hai que darlle unha volta de porca mirando cousas que se fixeron ben tamén, porque non merecemos perder ningún dos que se perdeu fóra de casa dos últimos".

Tira de estatística para indicar "sen contar desde a miña chegada cara atrás que tamén en ABANCA-RIAZOR creo que son bos números porque só se perdeu o día do San Fernando e empatouse contra o Pontevedra CF, pero desde que eu levo aquí levamos 12 partidos xogados e fixemos 30 puntos de 36 posibles. Non creo que sexan malos números".

Advirte que "nas ligas se suma o cómputo global. Non quítanche os puntos de casa se non ganas fóra por tanto hai que ter unha mirada moito máis global sobre os números do equipo sabendo que non imos ter os mesmos números ningún equipo en casa que fóra pero si que é verdade que hai demasiada distancia. O que serían 2 ou 3 puntos máis fóra, que iso fose moi factible. Estariamos primeiros clasificados. Imos buscalo, imos ter esa ambición de buscar fóra de casa esa cantidade de puntos que nos permitan de verdade ir a polo campionato, sabendo que cando eu cheguei aquí diciades 'o equipo está ben pero non somos capaces de entrar en playoff, non somos capaces de manternos en playoff'. Coa derrota do Córdoba, podemos estar a 9 ou 10 puntos do corte".

Pola súa banda, Alfredo Sánchez, adestrador do CF Fuenlabrada, apunta que "sempre que perdes non podes marchar contento pero sabemos que eles en ABANCA-RIAZOR por momentos meten ao rival na súa portería. Saímos un pouco airosos. A segunda parte está máis igualada, sen pasar nada pero o centro que aproveitou Quiles, decantou un pouco o partido".