RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Irene Ferreras asegura que "estamos preparadas para todo"

A pouco máis de 48 horas do desenlace final da Primera Federación Iberdrola, Irene Ferreras cualificou esta mañá na sala de prensa de Abegondo como "curioso o feito de que ningún equipo dependa de si mesmo (para o ascenso directo) e iso seguro que ao partido vaille dar certo nerviosismo. O noso maior obxectivo é tentar estar presentes no noso partido, vivir o noso momento en cada situación do xogo. Imos tentar, no posible porque non é fácil, abstraernos do que está a pasar fóra e ao final do partido xa veremos cal é a noticia. Estamos preparadas para todo. Sabemos que o máis importante é que fagamos un bo partido. Eu quedaríame tranquila se o equipo consegue os 3 puntos e faino dunha maneira na que o equipo estea ben".

A pesar de todo, a adestradora deportivista confesa que "me encantaría un final feliz, que terminase aí e que puidésemos ascender a Primeira División; pero calquera dos tres equipos (Dépor ABANCA, SD Eibar e CDF Osasuna) incluíndo mesmo tamén ao Granada CF, pola traxectoria ao longo da temporada, mereceriámolo. Vai ser un desenlace bastante doloroso para tres deses catro equipos e hai que estar preparados para continuar o camiño no caso de que toque facelo".

Insiste en que "estamos tranquilas, temos esa posibilidade que nos ilusiona moito, pero non o vemos como o final. O equipo agora mesmo está nun bo momento, temos que darlle continuidade ante o DUX (este domingo 14 de maio ás 12:00 en Pradoviejo, retransmitido en directo pola canle de Youtube do RC Deportivo). Temos que vivir ese partido coa importancia que ten e unha vez teñamos o desenlace final darlle a perspectiva que toque. Se é de celebración, de celebración; e se é de continuar ao día seguinte, pois o faremos. Estou a gozar moito do equipo, teño forza suficiente para continuar un mes máis se fixese falta. O traballo de todos estes meses permitíronnos estar xa co play off asegurado, que era o primeiro gran obxectivo. E imos vivir agora esta oportunidade como se merece, podendo gozala, con moita ilusión, gañámonolo con suor e imos tentar facelo o mellor posible".

Botando a vista atrás á temporada, Irene Ferreras lembra que "pasamos momentos de todo tipo. Non foi fácil. Chegamos aquí con opcións e iso é unha parte para estar feliz. É que se non estou feliz agora cunha situación así entre mans... Non a vivín nunca na miña vida a nivel deportivo nin como xogadora nin como adestradora. Hai que valorala e hai que gozala como o que é".

Admitiu que "vivimos unha semana (última de liga) especial" e explica que "vemos como un privilexio preparar unha semana sabendo que xogamos un partido que se gañamos existe certa probabilidade de conseguir algo moi bonito. É moi especial para o staff, para as xogadoras".

Aprecia que "todas as xogadoras estean súper implicadas. Non todos os días vívese unha situación así no fútbol. Propuxémonos pensar en nós, gozar desta semana e das sensacións que deixa porque nunca sabes cando te vas a volver ver nunha igual".

Recalca que a semana "a enfocamos desde, primeiro, en darlle normalidade, non facer nada diferente ao que vimos facendo. É verdade que é un partido que ten un contido máis importante que noutras situacións, pero é un partido para gañar 3 puntos. Temos a sorte no vestiario de ter xogadoras que viviron unha situación de ascenso. Nós sobre todo o que lles pedimos é que tentasen que as súas mensaxes e as súas conversacións non fosen tanto desde o que teñen que facer os rivais, senón centrándonos máis no nós, en falar con xogadoras que puidesen vivir algo parecido, que nos conten a súa experiencia, como sentiron..."

Pide "ilusionarnos coa posibilidade de que poida pasar, non desde o agarrarnos a iso porque sabemos que non depende de nós, pero si que esa ilusión che empuxa cara a cousas boas. Temos na mente facer un bo partido, gañar 3 puntos, que é o que está en xogo para nós e para o DUX, o que pasa que para nós ten unha importancia maior e iso é o que se ten que notar no campo".

Opina que "no fútbol moitas veces estamos máis pendentes de 'non se pode perder...' porque estamos sempre vendo a parte negativa e eu creo que o enfoque desta semana é todo o contrario. Se gañamos poden pasar cousas e esa alegría tamén a está respirando o equipo".

Finalmente do DUX, rival este domingo 14 de maio ás 12:00 en Pradoviejo (Youtube RCDeportivo), Irene Ferreras apunta que "é un equipo que aspiraba a estar aí arriba. Ten un cadro moi competente. Cambiaron de adestrador hai tres xornadas, hai un cambio significativo na idea de xogo, están un pouco en construción de cara á temporada que vén, pero aínda así é un equipo moi perigoso, con xogadoras individualmente que che marcan a diferenza e sobre todo destaca por un físico importante, que nos vai a esixir moito en situacións de duelos e que se non sabemos levar o partido ao control, pódenos incomodar moito".