RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Antoñito, di estar "sorprendido" no Dépor: "Hai moito nivel, o cadro é bo e con moita competencia"

Tralo pertinente posado sobre o céspede coa súa nova camiseta acompañado por Antonio Couceiro, Presidente do RC Deportivo, Antoñito atendeu por primeira vez aos medios de comunicación na sala de prensa de ABANCA-RIAZOR.

Conta que a súa fichaxe foi "moi rápida. Creo que foi o luns santo cando se pon en contacto comigo. A miña cabeza deu un xiro de 180 graos ou de 360. Díxenlle á miña muller que fixese as maletas, que era unha boa oportunidade e un bo reto para a miña carreira deportiva. Non dubidei nin un minuto e aquí estamos, moi contentos pola oportunidade de xogar nun Club tan importante como o Dépor".

Desvela que "Juan Giménez se puxo en contacto co meu representante e cun amigo que temos en común. Dixéronme que Borja contaba comigo, que me quería ver. Levo dous anos con situacións moi parecidas á do Dépor, de atoparnos con 3 ou 4 compañeiros no lateral dereito. É unha posición agora mesmo maldita non para o Dépor senón para moitos equipos. É unha pena que teña que vir polas lesións dos compañeiros pero moi contento por estar aquí e poder achegar o graniño de area para os playoff ou se somos campións, que aínda non é nada matemático e e hai que loitar até o último minuto".

Está agradecido porque "os compañeiros son moi amables todos. Metinme no grupo rapidamente. Coñecía a algúns de xogar con eles. Todo o mundo quéreme axudar, quéreme achegar o seu graniño de area para meterme rapidamente nos sistemas do míster. Moi ben todo o grupo e nótase que hai un bo ambiente e o grupo é san".

Titular o pasado domingo en Talavera aos poucos días de chegar a Abegondo, Antoñito apunta que "Borja me foi comentando durante a semana. Víame ben fisicamente. A pesar de estar tres meses adestrando pola miña conta, cun equipo de Tercera RFEF alí en Málaga, competir nunha categoría tan importante como Primera RFEF, o nivel de esixencia é máximo e atopeime entre comiñas moi ben; un pouquiño incómodo por non coñecer aínda aos compañeiros nos seus movementos e o sistema que quería o míster. Saíron as cousas ben, sentinme un pouquiño cargado e hai que ter cabeza nese momento e pedir o cambio para que non vaia a maiores".

Na súa opinión, "de ser extremo a lateral o adestrador que me baixou naquel momento buscaría máis profundidade e un lateral ofensivo. Conta moito o sistema de xogo de cada equipo pero véxome un lateral profundo, de longo percorrido e defensivamente cumpridor. Non son agresivo pero sinto un defensa competitivo e ofensivo máis que todo aínda que cando hai que defender, deféndese".

Con contrato até final de temporada, pide "vivir o presente, gozar deste momento, de seguir traballando, de facer as cousas ben e xa cando se cumpra o obxectivo falaremos. Se o club quere que siga, encantado da vida; e se non pois sería un pracer defender as cores do Deportivo".

Saíu do Estadio Municipal El Prado de Talavera de la Reina moi sorprendido "polo nivel do Dépor. Tampouco estou eu para xulgar o rendemento do equipo do domingo porque tampouco vin moitos partidos durante a temporada, soamente seguino por resultados. Pareceume que hai equipo para moito máis e para o obxectivo que nos metemos todos, inclúome a min tamén, de ascender. Hai moito nivel, o cadro é bo e con moita competencia, hai un técnico que xa leva dous ascensos así que están todas as vimbias para facer algo bonito e cumprir o obxectivo que ten o Club de ascender á liga profesional".