RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime admite que "non demos nosa mellor versión ao comezo (de liga)" pero asegura que "habemos ir crecendo ao longo da temporada"

Jaime Sánchez asegurou esta mañá na sala de prensa de Abegondo que no seu regreso á titularidade o pasado sábado en ABANCA-RIAZOR ante o UD Sanse atopouse "moi ben. Non é sinxelo porque levas dúas semanas sen adestrar pero atopeime moi ben, moi arroupado polos meus compañeiros e iso facilita moito as cousas. A readaptación foi moi boa, entón non supuxo demasiados problemas porque estaba preparado para xogar os 90 minutos".

Cre que "despois do inicio de liga e despois de estar fóra 2 ou 3 partidos, era importante xogar e coller boas sensacións. Saín reforzado despois do partido porque acabei contento, o equipo gañou e veume ben xogar".

O central branquiazul admite que o feito que coincidise a súa boa actuación coa circunstancia de ser aliñado na dereita "é un factor máis. Obviamente son destro e estou máis cómodo pola dereita. Pero tampouco creo que sexa iso o cento por cento porque o ano pasado xoguei todo o ano na esquerda e estiven moi cómodo tamén".

É máis, recalca tamén que "estas dúas semanas fóra servíronme para relaxarme un pouco e para mellorar a miña cabeza, que se cadra estaba un pouco máis preocupada porque non estaba a dar a miña mellor versión. E no campo estiven cómodo, os meus compañeiros arroupáronme moi ben. Fixen o que adoito facer, que é estar tranquilo no campo e iso deu o seu resultado".

Cualifica de "complicado" o arranque ligueiro do Dépor porque "todo o equipo non demos nosa mellor versión a pesar de por suposto querer estar ben sempre e traballar para iso. Había veces que non saíron as cousas como queriamos pero habemos ir crecendo ao longo do que levamos de temporada e a partir de aí seguir mellorando, seguir gañando partidos".

De feito, é consciente que a nivel individual "non dei a miña mellor versión no inicio de liga. Iso por suposto que o sei. A ninguén lle gusta non estar ben, pero teño a conciencia tranquila porque sempre traballei para dar o mellor de min. Hai veces que non saen as cousas, non te explicas moi ben porqué. E, obviamente, non lévase tan ben como cando estás no teu mellor momento".

Finalmente, preguntado pola sanción que impedirá a Álvaro Romero, máximo goleador do Algeciras CF, rival este sábado 5 de novembro no Estadio Nuevo Mirador (17:00, InSports.tv) aliñarse contra o Dépor, Jaime comenta que "por suposto que nos vén ben. É un rapaz que empezou moi ben, que o ano pasado xa estivo moi ben e é unha baixa importante para eles e para nós moito mellor, pero seguro que quen xogue farao ben, porque a verdade é que ten moi bos xogadores o Algeciras CF e hai que estar alerta, aínda que non estea este rapaz".