RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Jaime Sánchez será xogador do Dépor até xuño de 2024

Jaime Sánchez Muñoz (Chiclana de la Frontera, Cádiz, 11 de marzo de 1995) renovou o seu compromiso co RC Deportivo por dúas temporadas, até xuño de 2024.

O defensa central gaditano, que asinou o pasado verán por unha temporada, chegou á Coruña despois de finalizar contrato co CE Sabadell, co que competiu a campaña 2020-2021 na segunda categoría do fútbol nacional.

Jaime formouse na EF Sancti Petri (2002-2009), equipo desde o que deu o salto ao Cádiz CF, en cuxas categorías inferiores militou durante tres temporadas (2009-2012). Entón foi fichado polo Real Madrid, onde finalizou o seu ciclo xuvenil e despois formou parte do Real Madrid C e do Real Madrid Castilla, ambos en Segunda División B.

Despois dunha cesión ao CE Sabadell no curso 2016-2017, en 2018 incorporouse ao Real Valladolid para xogar co seu equipo filial, co que chegou a disputar o playoff de ascenso a Segunda División na súa segunda campaña, a 2019-2020.

Ao longo das súas temporadas en idade sénior, Jaime acumulou 92 partidos na terceira categoría nacional, 27 deles (todos como titular), na súa primeira campaña como branquiazul, na que anotou un tanto. Ademais, hai que sumar os 32 que disputou na división de prata co CE Sabadell, co que tamén marcou un gol, e 3 encontros de playoff de ascenso a Segunda: 1 co Real Valladolid Promesas (2019-2020) e 2 co Deportivo (2021-2022).

O defensa andaluz alcanzou a internacionalidade sub-17 (5 partidos en 2012), sub-18 (2 en 2013), sub-19 (12 entre 2013 e 2014) e sub-21 (1 en 2014). Coa selección española sub-19 disputou a fase final do Campionato de Europa de 2013, xunto a un ex deportivista como José Rodríguez, na que España caeu ante Francia en semifinais.