RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

Joselu valora acabar ante o Alavés "con boas sensacións para afrontar o seguinte partido"

Joselu, autor do gol do empate definitivo o pasado martes en Copa do Rey, afirmou en rolda de prensa en Abegondo que "agora temos que pensar no seguinte partido. Acabamos con boas sensacións. Hoxe é día de traballo e o venres a por outro partido".

Cre o dianteiro galego que, tras o parón do Nadal, "era bo empezar ben o ano. Non empezamos como quereriamos empezar o partido pero acabámolo da maneira que queriamos e con sensacións boas para afrontar o seguinte partido".

Subliña sobre as dúas competicións nas que está inmerso neste mes de xaneiro o Deportivo, que "a Copa é unha motivación extra para nós, pero o principal é a liga, conseguir os tres puntos o venres e a partir de aí o mércores tentar pasar de rolda".

A xuízo de Joselu, en referencia á baixa de Carles Gil e á saída de Ryan Babel, o Deportivo demostrou "ter xogadores para afrontar calquera partido. O outro día debutou Óscar. Creo que fixo un gran papel. Tamén temos xente no filial. Ao final as saídas marcan un pouco, pero os que estamos temos que tirar cara a adiante".

Destaca que a celebración do seu gol tivo un sabor a desquite: "Despois dos últimos dous partidos que xoguei en Riazor, sobre todo no primeiro, que me lesionei para catro meses. Despois xoguei noventa minutos contra o Betis e fallei un penalti. Os dianteiros vivimos do gol. O resultado, o minuto que era, quitas unha presión de encima".

En referencia ao partido de mañá venres 6 de xaneiro en Cornellá ante o Espanyol (20.45, Gol TV), "nós estamos ben na parte de arriba. Estamos a facer goles, ocasionando moito perigo. O Espanyol é un gran equipo. Reforzouse moi ben este verán. É un equipo perigoso que tenta tamén marcar goles, ofensivamente son moi bos, defensivamente tamén".

Pide Joselu saír a xogar no estadio espanyolista "como o estamos facendo sempre, non pensando no rival, pensando en nós mesmos e tentar traer os tres puntos".