RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O Dépor segue dando motivos para crer (0-0)

Toda unha vida en 90 minutos. Con esa frase pódese resumir o sucedido esta tarde en ABANCA-RIAZOR, onde Deportivo e Sevilla non se deron tregua durante un só segundo: medio centenar de disparos a porta, penaltis non sinalados, tiros aos postes, uns minutos finais de tolos... Branquiazuis e sevillistas asinaron un partido que trepidante, dos que son difíciles de esquecer, dos que transcenden os límites da razón.

Só o fútbol pode ofrecer un duelo no que ambos os contendentes disparen 46 veces e non se mova o marcador. Fíxoo en 22 ocasións o Dépor, por 24 do Sevilla. E tamén é o único deporte no que, nas malas, os afeccionados dan aínda máis do que adoitan dar. O deportivismo acudiu á chamada do equipo e ABANCA-RIAZOR rexistrou unha das mellores entradas da temporada. E o que é mellor, un clima de ánimo nos catro custados do Estadio como facía tempo non se producía.

Clarence Seedorf, técnico branquiazul, mantivo practicamente o mesmo once que saltou ao céspede de San Mamés o pasado sábado. O preparador holandés realizou unha única modificación, ao saír do equipo Emre Çolak para dar entrada a Guilherme. Con ese cambio, Michael Krohn-Dehli pasou a ocupar unha posición máis avanzada do habitual, entre os tres centrocampistas e os dous dianteiros.

Nada máis comezar o encontro, Riazor estremeceuse co choque de cabezas entre Krohn-Dehli e Johannes Geis. Saíu peor parado o deportivista que, após controlar unha hemorraxia nasal, puido continuar no terreo de xogo.

O primeiro disparo a porta do partido chegou en botas de Miguel Layún. O lateral esquerdo sevillista puxo a proba a Rubén, cun lanzamento raso que o gardameta deportivista detivo en dous tempos, no minuto 4. Transcorridos catro minutos máis, foi Sandro quen o tentou, moi escorado. Rubén atallou sen apuros.

Na acción seguinte produciuse o primeiro achegamento branquiazul. Adrián cabeceou un centro de Luisinho que David Soria despexou a saque de esquina. Pouco despois, Lucas controlou un balón longo a pesar de levar literalmente colgado a Daniel Carriço. O seu pase posterior a Adrián cortouno a defensa visitante, sen que o colexiado volvese atrás na acción e sinalase a clara infracción do central portugués, que suporía unha moi boa oportunidade.

O Sevilla respondeu o minuto 14, nunha chegada polo extremo dereito de Sandro. O servizo por baixo do dianteiro canario rematouno ao primeiro toque Carlos Fernández. O canteirán sevillista estrelou o coiro no lateral da rede do marco herculino.

Catro minutos despois, Rubén evitou milagrosamente o tanto sevillista, ao rexeitar un remate no segundo pau de Guido Pizarro, nunha falta colgada por Geis.

No ecuador do primeiro tempo, Fabian Schär recuperou un balón en campo contrario e aventurouse na área sevillista. O suízo buscou o contacto con Gabriel Mercado. Hóuboo. Pero o colexiado estimou que non foi o suficiente como para castigar ao Sevilla con penalti.

Pedro Mosquera e Guilherme tiveron opcións de rematar a portería nos minutos seguintes. O primeiro, atopouse a pelota enriba e non puido armar un disparo en condicións. O seu frouxo remate raso rexeitouno facilmente a zaga andaluza. O segundo recolleu un rexeite botando a 25 metros da portería de David Soria. A súa volea marchouse moi por riba do traveseiro.

No minuto 29, Lucas dispuxo doutra boa opción de remate, esta dentro da área e ben centrada. O remate do '7' deportivista rexeitouno Carriço indo ao chan, o balón volveu golpear en Lucas, este dirixiuse cara á portería e, aínda que esquinado, non o fixo coa potencia necesaria para bater a David Soria.

A dez minutos do descanso, Adrián rematou de volea co interior do seu pé dereito un centro de Lucas desde a esquerda. O disparo, frouxo, detívoo o porteiro visitante sen excesivos problemas.

Inmediatamente despois, Seedorf viuse obrigado a realizar o seu primeiro cambio. As molestias de Krohn-Dehli tralo seu brutal choque con Geis non lle permitiron seguir. Emre Çolak entrou no terreo de xogo en lugar do danés.

O Sevilla gozou das súas mellores ocasións nos últimos cinco minutos. No 40, Banega cruzou en exceso o seu disparo após quedar practicamente só na frontal da área. No 43, Carlos Fernández quedou man a man con Rubén, que evitou o tanto. Xa co minuto de tempo engadido a piques de cumprirse, Albentosa rexeitou en última instancia un pase ao corazón da área nun contragolpe en superioridade numérica do conxunto de Nervión.

Nada máis comezar a segunda parte, Pedro Mosquera gozou doutra ocasión clara. Juanfran gañou a liña de fondo con claridade e deixou un balón preciso para a chegada do mediocentro ao punto de penalti. Con todo, non puido precisar o remate coa súa perna mala. A pelota marchouse ás nubes.

Instantes despois respondeu o Sevilla. Banega recuperou un balón preto da frontal. O arxentino non o pensou dúas veces. Buscou a cepa do poste esquerdo da meta de Rubén que, após unha gran estirada e en dous tempos, abortou o perigo. Tamén foi clara a opción do conxunto andaluz no minuto 51. O disparo de Correa, chegando desde atrás após deixada cara á media lúa de Carlos Fernández, marchouse a milímetros do mesmo pau que buscou Banega con anterioridade.

O Dépor deu réplica con celeridade, após un roubo de Borges nas inmediacións da área rival. A acción finalizouna Emre Çolak, buscando a escuadra máis lonxana. O coiro marchouse alto.

O Sevilla, no continuo intercambio de golpes, gozou doutra clara opción. Rubén desbaratouna após quedar cara a cara con Sandro, que recolleu un balón en profundidade de Geis.

No minuto 63, Schär rexeitou un remate de socato de Banega, xa desde dentro da área. Sarabia servira o balón desde o extremo dereito, onde chegara en posición dubidosa. O balón foise pola liña de fondo, a saque de esquina.

Após varias chegadas sen remate do Dépor, o Sevilla tentouno unha vez máis nun disparo lonxano. Miguel Layún, a perna cambiada desde o extremo esquerdo, buscou como anteriormente fixera na outra portería Emre Çolak. Co mesmo resultado, lanzamento lixeiramente alto.

Pouco despois, Adrián tivo unha ocasión manifesta. David Soria saíu á desesperada a tapar o cara a cara co dianteiro asturiano. Fíxoo, pero o esférico caeu a pé de Mosquera. O volante coruñés, outra vez coa súa perna mala, tratou de asegurar o golpeo co porteiro visitante case ao bordo da área e dous defensas situándose practicamente baixo paus. Con todo, o gardameta rozou o lanzamento de Mosquera, o suficiente para desviar a córner.

No minuto 77, Mercado cabeceou un córner por riba de Guilherme con suficiencia. A súa cabezada, moi centrada, caeu en mans de Rubén. Na seguinte acción, Emre Çolak desbordou a todo o mediocampo nervionense. O turco perfilouse para golpear colocado á entrada da área, pero o seu remate foi excesivamente frouxo e centrado, a mans de David Soria.

O tramo final do encontro foi unha auténtica tolemia, co Dépor índose con absolutamente todo en pos do gol que lle dese os tres puntos.

A cinco minutos do final, Lucas gozou doutra ocasión clara. Adrián peiteou no extremo esquerdo e deixou ao dianteiro cara a cara con Carriço. O coruñés desbordou ao defensa luso cara ao seu perfil dereito. O disparo, débil, coa súa perna mala, detívoo David Soria.

Lucas aínda volveu gozar de dúas accións parecidas. Na primeira, polo lado contrario da área, preferiu controlar coa sola e aguantar co corpo buscando o contacto con Carriço e un posible penalti. Na segunda, a última do partido, xogouna cun tiro desde a frontal da área. O coiro marchouse, por moi pouco, por riba do traveseiro.

Entre medias, co tempo case cumprido, chegou a 'ocasión'. Borges recolleu unha pelota morta ao bordo da área. O seu disparo coa perna esquerda repeleuno un defensa visitante. A pelota volveu caerlle ao costarriqueño, que insistiu coa esquerda. Esta vez o balón superou a todos, incluído o porteiro. Pero topouse coa base do poste esquerdo. Foi o 14º tiro ao pau do Dépor esta temporada, o 11º nos 11 partidos de Seedorf no banco branquiazul.

Con este empate, no primeiro encontro en que os branquiazuis deixan a súa porta a cero após sete xornadas sen facelo, o Deportivo suma 27 puntos, polos 31 do Levante. O conxunto valenciano, que ocupa a primeira posición fóra de descenso, recibe este xoves ao pechacancelas Málaga.

RC Deportivo: Rubén, Juanfran, Albentosa, Schär, Luisinho, Borges, Pedro Mosquera (Fede Valverde, min. 83), Guilherme (Bakkali, min. 80), Krohn-Dehli (Emre Çolak, min. 36), Lucas e Adrián.

Sevilla FC: David Soria, Jesús Navas, Carriço, Mercado, Layún, Geis, Pizarro, Sandro (Muriel, min. 76), Banega, Joaquín Correa (Sarabia, min. 57) e Carlos Fernández (Nolito, min. 68).

Árbitro: Medié Jiménez (c. catalán). Cartón amarelo a Banega (min. 11) e Layún (min. 74).

Incidencias: partido da 33ª xornada de LaLiga disputado no Estadio ABANCA-RIAZOR ante 24.652 espectadores.