RCDeportivo RCDeportivo RCDeportivo
Skip to main content
GL
PORTADA

O expresidente Lendoiro recibe o alta hospitalaria

O expresidente do Real Club Deportivo Augusto César Lendoiro recibiu onte pola tarde o alta hospitalaria após corenta días no Complexo Hospitalario Universitario da Coruña, onde ingresou o 15 de marzo pasado e onde foi operado de urxencia dunha obstrución nunha válvula do corazón.

Após recuperarse na UCI até o pasado día 13 e posteriormente en planta, o expresidente branquiazul regresou onte a casa: "Acabo de saír do hospital público CHUAC no que recibín as mellores atencións. A médicos e persoal débolles a vida. Grazas a todos eles e aos moitos que vos interesastes polo meu grave estado de saúde", sinalou nun comunicado.

O Real Club Deportivo quere enviarlle ao expresidente unha mensaxe de ánimo para que poida alcanzar canto antes unha total e definitiva recuperación.

Do mesmo xeito, o Real Club Deportivo tamén desexa un pronto e total restablecemento ao seu exfutbolista Lassad Nouioui, que o pasado día 14 caía inconsciente sobre o céspede após sufrir unha fibrilación ventricular. Após practicárselle manobras de reanimación e ser trasladado ao hospital, permaneceu na UCI e sedado até o pasado día 20. Onte, o actual xogador do CD Toledo, abandonou a Unidade de Coidados Intensivos do Hospital Virxe da Saúde. Despois da melloría experimentada nas últimas horas, os médicos decidiron trasladalo a planta, onde permanecerá ingresado para continuar coa súa recuperación.